Artigo de Teresa Moure en "Sermos Galiza":
Nas últimas semanas, en medio de conflitos doutro estilo, a prensa galega reflicte reiteradamente declaracións onde se compara unha forza política ou os seus integrantes a mulleres maltratadas. O asunto pode parecer un episodio máis de cantos se axigantan nestes días co relato detallado que os medios de comunicación fan dos enfrontamentos dentro do nacionalismo. Non vou entrar aí. Non vou nomear persoas nin siglas. Non fago propaganda nin quero darlle difusión a un conflito con intereses coñecidos. Mais como feminista, e como lingüista, quero facer ouvir a miña voz: todas as metáforas que comparen a violencia de xénero con outros conflitos que as persoas poidan ter na súa vida social ou política traballan, quéirano ou non, contra o feminismo.
Chamámolo violencia de xénero, tamén terrorismo machista. Desde hai tempo a reflexión crítica e o activismo feminista deron perfilado un tipo específico de violencia, a que se produce nas relacións heterosexuais estruturadas baixo a institución do matrimonio ou da parella de feito, constituída como referente ideolóxico, ademais de económico ou xurídico. Desde ese momento deixamos de nos preguntarmos “que tipo de psicopatoloxía se agocha tras do violento?” ou “que contornos familiares ou económicos son proclives á violencia na sociedade?”. Non adoptamos un enfoque clínico nin sociolóxico, daquela non procuramos a explicación nunha enfermidade mental ou na loita de clases. Decatámonos de que demasiados homes usan a forza física e a intimidación psíquica contra as súas compañeiras e asemade de que este mecanismo adopta unha función adestradora nesta sociedade e neste momento histórico. Chamámolo violencia de xénero e, deste xeito, adoptamos unha perspectiva colectiva: xa non se trata de que un home en particular use a violencia contra unha muller en particular e, como resultado, teñamos un acto reprobábel e irracional, senón de que latexa na sociedade unha forma de violencia específica, que perpetúa os roles ben estabelecidos, que garante a submisión. Só as ópticas máis conservadoras se resisten a contemplar este fenómeno que, paseniño, vai sendo recoñecido. Entrementres, o feminismo serve de colchón protector para moitas mulleres maltratadas, constituíndo redes de solidariedade e afecto, preparando as violentadas para a resistencia, regalándolles ás para voar ás que tiñan as portas pechadas. Hoxe, cando menos de boca para fóra, ninguén aproba a violencia machista: esta forma de terrorismo cotián que está presente na vida de mulleres de todas as clases sociais e condicións é rexeitada aparentemente por toda a sociedade. Porén isto debe de ser hipocrisía. Porque se o rexeitamento fose certo, a violencia de xénero estaría erradicada e ninguén xogaría con ela.
Chamámolo violencia de xénero. Hai uns poucos anos, os principais xornais do estado nos seus libros de estilo desaconsellaban usar esta etiqueta e, aínda máis, a de terrorismo machista e propuñan a máis descafeinada de violencia doméstica, que lle restaba forza ao identificala con todas as violencias que se poden practicar nas casas: non darlle de comer ao canario, pegarlle ao can ou tirar coa iguana, non sendo condutas recomendábeis, non se poden comparar a esta perversa forma de amar. Custou un longo camiño chamar as cousas polo seu nome. Porque antes, durante séculos, estes episodios chamábanse crime paixonal, o que convidaba a consideralos como arroutadas derivadas de estar tan namorado; unha interpretación demencial do fenómeno mais ben documentada.
Cando alguén ousa dicir que unha persoa que se marcha dunha formación política é unha muller maltratada está a frivolizar cun dos problemas máis graves que temos actualmente na nosa sociedade. Insisto, non vou entrar en aclaracións ao respecto do que é ético ou non nunha formación, do que se espera da militancia ou dos seus cargos. Só insistirei en que a utilización desa metáfora non prestixia precisamente os políticos que a usen (ou os que ocupen o posto de supostas maltratadas); desprestixia o fenómeno. Desprestíxiao porque o presenta como algo normal, como máis un conflito entre tantos que temos na vida. Desprestíxiao porque o vulgariza, porque lle resta contorno tráxico: na violencia de xénero hai un agresor que di amar e unha agredida que, con frecuencia, agredida e todo, segue amando, que sofre unha falta de autoestima e de orientación demasiado crúas, demasiado considerábeis como para servir de comparación con outros individuos aos que non lles vai mal na sociedade −por sorte para eles e por sorte para todas as persoas que non aceptamos a violencia.
Aínda quero expor máis unha argumentación. Cando se desexa desactivar unha palabra, abonda con repetila noutros contornos, con variados significados, para que fique neutralizada, como se fose unha bomba que xa nunca estoupará. Un insulto, por exemplo, de tanto repetirse desemantizado, perde a carga negativa que arrostraba. Nese efecto fundamentouse o movemento queer cando repetiu até a saciedade ese termo, conseguindo que un insulto para gays se convertese en nome dunha forma de activismo en favor das liberdades. Igual pasa con negro noutras sociedades máis multirraciais que a nosa. En galego pode observarse algo parecido cun termo como puta. De tanto dicilo en todas as partes, incorporando acepcións moi distintas á orixinal, de tanto dicir puta película, puta clase, puta moto, xa non significa o mesmo que outrora. Aviso para navegantes: se seguen a repetir os homes da política que a súa facción é unha muller maltratada, as persoas do feminismo teremos perdido unha batalla, a batalla de darmos nome a un fenómeno, de chamarmos a atención sobre a súa invisibilidade e a súa dureza. Non podemos tolerar unha tal agresión. Non a merecemos nin as mulleres maltratadas, nin as persoas comprometidas co activismo, nin quen quere transformar este mundo nun lugar mellor.
Sen comentarios
Publicar un comentario