Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/04/12

Achégate ao galego, que ten todo o que buscas

Vídeo do IES Fentem Albei de Fonsagrada, presentado ao certame do Correlingua 2012:




Temos unha cultura, temos un idioma.
Se ti non o usas o esquecemento será quen o coma
como pasou no pasado, séculos escuros superados
pero non nos dan axudado a esquecer tamén a Franco,
un galego impuro que dicía que esta lingua non servía.
Claro que non serve se a túa vida se basea na hipocresía.
Así que mira e aprende, escoita e comprende
que a nosa lingua serve para todo, todo o que se propoña a xente,
polo que proponte usar o galego para comunicarte.
Non tes porque cortarte diante doutros falantes.
Dá igual o teu acento, dá igual o teu dialecto
porque xa nos teñen dito que este idioma é perfecto,
sen desprestixiar ó resto, pero queremos o que é noso.
Se ves isto no Tuenti de seguro que lle dás a "Gosto"
en agosto ou setembro, dá igual cal sexa o momento.
Cos avós ou cos netos. Nunha festa ou nun convento
usa o galego tal como o usan na televisión.
O creador de Shin Chan dixo que a nosa é a mellor tradución
porque semella máis picarón. Ata lle gustamos a Xapón!
Xa estamos vendo en galego os carteis de toda New York!
No século doce esta era a lingua da península.
Agora o seu uso mingua, vivimos nunha ínsula.
Quérennos illar do mundo pero nós non queremos.
Usaremos o galego para acabar con este medo.
Pero dinos, que é para ti o medo?
É ter que calar por non poder expresarte e estar ledo?
É non poder dicir nada na túa lingua nativa, quedar quedo?
Ou simplemente é a vergoña de que oian en galego?
Neno, nena, non sabemos cal é o problema.
Nós usamos sempre o galego para contárno-las nosas penas,
para sacar sangue das veas, para as conversas das ceas,
para usar o diálogo en vez de meternos en leas.
Ea, ea! lles facemos ós bebés para que durman,
cantámoslles en galego porque en castelán non lles gusta
e lles asusta porque están criados en Galicia.
Dous idiomas, dobre intelixencia que se desperdicia
con desperdicios da sociedade que din con claridade
que o galego é dos da aldea e non dos da cidade.
Veña vale, pero despois non veñas pedindo identidade.
Galego é aquel que aprecia o galego nas súas carnes,
na súa alma, na súa mente, no seu corazón.
Todo o noso corpo sente esta sensación
e con razón, o galego vai máis alá da expresión.
Unha paixón de poder usar unha lingua sen represión
xa que agora na escola este idioma é obrigatorio.
Algo que pedían escritores anteriores nos seus folios
de maneira xusta coa que opresores se ofuscan.
ACHÉGATE AO GALEGO, QUE TEN TODO O QUE BUSCAS.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.