Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/04/12

Arden as Fragas

Recollo dous artigos que me gustaron especialmente, ambos de Praza Pública. O primeiro é de Xabier Docampo:
Carta aberta ao presidente da Xunta:

Señor presidente: Arden as Fragas do Eume (aquí dicimos así, en plural, porque distinguimos a Nova e a Vella). Por enriba da miña cabeza pasa de cando en vez un avión, oxalá non sexa xa inútil o esforzo. Aí volve... O que está a arder é o bosque atlántico máis importante de Europa. O que as lapas devoraron, iso que a prensa está a chamar a xoia ecolóxica de Galicia (e non quero desmerecer ningunha outra das alfaias que a Natureza nos outorgou as xentes galegas) é un lugar no que, non podo crer que ninguén do seu goberno se parara a pensalo, existían un considerábel número de especies vexetais e animais únicas, moitas outras necesitadas de especial protección e innumerábel cantidade das que lle daban a este sitio o seu carácter de reserva paisaxística singular.

Tamén era un lugar que moitísimos galegos visitaban e disfrutaban cada ano. E traían con feliz orgullo xentes doutros lugares do mundo para que visen isto.

Pero tamén de gran valor económico e histórico. De aquí saíu por séculos a vida da comarca: toda caste de froitas, as castañas que deron lugar a un xeito de aproveitamento e de linguaxe (curripa, esbilas...) propio da zona, uvas para o viño das casas, madeira para trabes e aguieiros, carbón que se vendía en toda a Ferrolterra, mel, as herbas que curaban ou aliviaban... Mais tamén foi lugar onde se refuxiaron os perseguidos durante a guerra civil e os guerrilleiros despois... Pero tamén era un lugar que moitísimos galegos visitaban e disfrutaban cada ano. E traían con feliz orgullo xentes doutros lugares do mundo para que visen isto. E debera ver con que satisfacción traían aos seus fillos para que aprendesen a respetar estas marabillas. E sei ben que así era porque aos amigos e ás amigas que me visitaban sempre os levaba á Fraga, desde a miña casa hai menos dun quilómetro, e eu dicíalles: Vouvos levar ao paraíso. Que lles direi agora?

Sabe vostede por que esta parece tan enorme? Porque é irreparábel. Porque a irreponsabilidade do goberno do meu país, da miña nación fará que nunca máis haxa Fragas

Mire vostede se non lle estou a escribir sobre dunha traxedia (outra) para Galicia, e non digo a máis grande porque todas as traxedias son incomensurábeis, totais. Sabe vostede por que esta parece tan enorme? Porque é irreparábel. Porque a irreponsabilidade do goberno do meu país, da miña nación (aínda que a vostede non lle gustará que lle chame como di o noso himno) fará que nunca máis haxa Fragas, e non me veñan dentro de cinco anos dicindo que xa está verde, as Fragas non eran unha cor, eran unha feliz explosión de vida que non volverá.

Foi o seu goberno o que desmantelou a base de Queixeiro, cativa medida de prevención que podería ter avistado como comezaba o lume e, de haber as brigadas que non hai, acudir en pouco tempo

E por que arderon as Fragas? Porque, con intención ou sen ela, pegáronronlles lume. Sexa culposo ou doloso o delito, o caso é que alguén lles puxo lume. Mais iso non dá para se agocharen vostedes, o goberno galego, detrás dun desalmado. Vostedes están incursos nun delito grave de neglixencia criminal. Vostedes non fixeron nada por evitar isto. Nada! Foi o seu goberno o que desmantelou a base de Queixeiro, cativa medida de prevención que podería ter avistado como comezaba o lume e, de haber as brigadas que non hai, acudir en pouco tempo. Pero tivo que avisar un veciño porque non hai nin un home cuns prismáticos que atenda ás Fragas. Como é posíbel que entre as dúas consellarías ás que lle atinxía a protección das Fragas, non houbese nin un só responsábel algo espelido como para dicir que era preciso un protocolo de protección das Fragas en caso de lume?

Cando vostedes van por aí sempre están expostos a que un toliño lles queira dar unha labazada, mandar aos fociños unha torta de merengue ou un ovo podre. Para evitar iso hai que confeccionar os oportunos planos de continxencia que prevén isto e póñenlles escoltas e gardas. E, digo eu, unha vez observada a descoordinación dos efectivos que actuaron nas primeiras horas desta desgraza, despois do inverno que tivemos e a primavera que temos non deron osmado que podería vir calquera cabeciña desamañada e poñer lume nas Fragas? Ninguén do seu goberno foi quen de pensar en elaborar un protocolo de actuación en caso de lume nas Fragas do Eume? Pois mire, onte cando chamaron a un amigo meu que traballa no concello, para que acudise porque había lume, el xa tiña preparadas dúas cisternas de auga, porque sabía que isto podía pasar, e os seus conselleiros, que cobran ben máis, nunca pensaron que podería suceder algo así. Hai que amolarse con quen nos goberna!

Xa sei que tanto lles ten, este país a vostedes non lles importa nin lles importou nunca, se arde que arda. Sempre miraron o rural con desprezo de señoritos de casino

Xa sei que tanto lles ten, este país a vostedes non lles importa nin lles importou nunca, se arde que arda. Sempre miraron o rural con desprezo de señoritos de casino. Facer unha planificación que evite o abandono e o despoboamento do campo? Para que? Con ter uns alcaldes servís (aos que tamén desprezan) que aquelen as votacións cada catro anos, o mundo rural xa está servido e o presidente e os conselleiros felices.

Mire, señor presidente, o peor defecto dun mandatario é o desleixo, e vostede é reo diso. Desleixo da lingua, da cultura, da sanidade, da educación... e agora das Fragas do Eume. Que será o próximo? Deixar caer a catedral de Santiago?

Non sei que despedida escribir e nada persoalmente ofensivo lle quero dicir, así que vou deixar a cousa así.

P. S. Aí vai o avión outra vez!


O segundo é de María Lado:
Por que arde Galiza?:

En esencia, Galiza arde porque os galegos permitímolo, niso todos somos cómplices. E aquí xa podería rematar o meu artigo, pero como os acontecementos das últimas horas me impediron o meu merecido descanso, agora vou seguir.

A única verdade é que Galiza arde porque aquí non pasa nada. O único que hai despois do lume é auga, e máis nada. Non hai compensación da catástrofe, non hai responsabilidades nin a quen esixirllas

Arde Galiza e a ningún de nós nos custa imaxinar teorías que, de repetidas e extraoficiais, acaban por darse por verdadeiras, e outras que, de oficiais e estrambóticas, rematan por converterse en fábulas absurdas. E todas se manteñen en equilibrio sobre a delgada liña vermella que divide a realidade da conspiración paranoica: arde pola especulación industrial, pola urbanística, porque somos un país de excursionistas fumadores e despistados, un país de pirómanos chalados, de veciños vingativos...

Pero a única verdade é que Galiza arde porque aquí non pasa nada. O único que hai despois do lume é auga, e máis nada. Non hai compensación da catástrofe, non hai responsabilidades nin a quen esixirllas, non hai a quen xulgar nin para a xustiza nin para a sociedade nin para a política, non hai ningunha obriga adquirida coa humanidade. O monte queima e queimou, éche así na terra das meigas: todo ocorre por arte de maxia e tan tranquilos.

Somos o país da mala sorte, lamentan tranquilamente os nosos políticos, eses que mentres se indignan no telexornal do mediodía, se consolan pensando que para a semana xa non veremos as fotos

Arde Galiza, e que facer máis que apagala e lamentar? O lume enténdese aquí coma unha catástrofe natural. Tamén o mar afunde barcos todas as semanas. Ás veces temos a mala sorte de que o mar afunde petroleiros, ou barcos cheos de materiais tóxicos, pero que podemos facer nós, simples mortais, contra os elementos? Somos o país da mala sorte, lamentan tranquilamente os nosos políticos, eses que mentres se indignan no telexornal do mediodía, se consolan pensando que para a semana xa non veremos as fotos. Manda carallo. Séculos de vida xa non serán máis ca cinza nunha foto distante, pero nós nunca viviremos abondo para comprender o alcance dun século coa nosa mísera intelixencia material. E falando do que realmente importa a todos: cal é a magnitude real da perda, a económica, vaia? O monte un bonito pano de fondo que está aí para os domingos e festivos, pero podería haber outra cousa, que sei eu, unha igrexa románica, unha marquesiña de deseño, un centro de interpretación das especies autóctonas, ou unha empresa boa, que dese traballo aos mozos da vila, aínda que afease un pouco a estampa... perdoaríamoslle o mal que nos faría polo ben que nos viña. Iso si que facía falla e non o monte, porque o monte non é negocio -en que bolsa cotiza o monte?- non é negocio máis que chamuscado.

Galiza arde porque estamos agardando a que prenda, pero non facemos nada para evitalo. Esa é ademais a especialidade dos nosos gobernos e tamén a nosa coma cidadáns: agardar a que

Retranca á parte, Galiza arde porque estamos agardando a que prenda, pero non facemos nada para evitalo. Esa é ademais a especialidade dos nosos gobernos e tamén a nosa coma cidadáns: agardar a que. Coma se todas as putadas que acaban con este país, con esta terra de miserias, fosen un sino inevitable escrito nas estrelas. Ás veces teño a sensación de que estou vivindo nas páxinas de Sófocles e que Feijoo é o mesmísimo Edipo Rei, por quen debemos sentir conmiseración e mágoa. Pero non nos enganemos nin nos consolemos co pranto, non é así. A realidade é ben distinta. O noso sino escríbese moito máis preto ca nas estrelas, escríbese aquí entre nós, cada catro anos preparan unha edición nova, pero somos nós os que temos que escribilo día a día. E nestes tempos de miserias, se hai que escribilo con lume que sexa prendendo a nosa furia para que das súas cinzas abroche unha terra nova, porque esta xa non sei se terá amaño.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Temos que parar con estas lapas que queiman a pel de Galici e logo non hai Dios que cure tales feridas.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.