Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/04/12

La balada de los miserables

Moitos anos botei de menos a este autor que tanto me gustaba alá hai... cantos? dez, vinte anos xa? Non sei, case prefiro non sabelo! O certo é que Aníbal Malvar é un dos meus autores preferidos da literatura galega. Como esquecer Un home que xaceu aquí, Unha noite con Carla (premio Xerais), A man dereita ou Á de mosca?
Sentino cando desapareceu do noso panorama literario. E sinto que volva agora en español.
Faino Aníbal Malvar cun título que non deixa dúbidas: La balada de los miserables, publicado por Akal. Un libro de pesadelo onde marxinalidade, brutalidade, corrupción e poder pelexan por ocupar máis páxinas nesta cruel sociedade que queda así retratada. Chama a atención o eu narrador, variopinto personaxe que pode ser unha rata, unha polla, un policía, unha prostituta, a morte, a vellice... Atento debe permanecer o lector para descubrir quen toma a palabra en cada capítulo dunha novela coral na que todo ser ten voz, restando protagonismo aos personaxes, difuminándoos ata non chegar a saber quen son.
O libro non deixa marxes, afoga ao lector dende o comezo ata o fin, con rotundidade e mesmo con fereza excesiva. Todo nel ten ese toque de hiperbólico que o autor busca continuamente, posiblemente buscando esa posición ética da que fala aquí, ás veces prescindibles, a maior parte delas atormentándonos, porque sentiremos ganas de vomitar, de chorar, de fuxir, porque Malvar despreocúpase de figuras retóricas para descarnar a realidade que nos ofrece.
Novela negra moi negra, onde o máis negro da sociedade ten unha cita, esta lectura non deixa indiferente.



Como diría George Best, gasté muchísimo dinero en alcohol, mujeres y coches; el resto lo desperdicié.

4 comentarios:

Aníbal Malvar dixo...

Encantoume o comentario crítico. Apàixoado e sincero. Non estou de acordo co da "fereza excesiva". Só tento golpear ao lector coa mesma rotundidade coa que a realidade cruel destes tempos nos golpexa aos homes e ás mulleres. Non é intelixente dar unha hostia cun obxecto brando. E penso que se precisaba unha enorme hostia, desta volta, para espertar.

Ronsel dixo...

Grazas, Aníbal, pola rotundidade das túas palabras, polo comentario, e pola escritura. Saúdos

Suso dixo...

Eu postúlome como un dos máis declarados seguidores de Aníbal na nosa terra. Estou lendo cada palabra, paladeando cada metáfora. Tanto tempo agardando mereceu a pena.
Creo que é un libro para ler despacio, porque me parece que lle tivo que saír da pel con moita dor.
Suso

Ronsel dixo...

Grazas Suso por vires ata aquí. Soubemos do libro por ti, así que dámosche as grazas dobramente.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.