Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/04/12

Os fillos do mar

Había tempo que unha lectura non me enganchaba de tal xeito: estiven pegada ao sofá toda a tarde, aproveitando a miña media gripe, e non me erguín ata rematala. Agora penso que debín demorarme máis, para degustala convenientemente; pero cando os personaxes dunha novela cóanse nos soños -como fixeron estes (que facía Simón dentro da miña cabeza?)- unha sabe que irremediablemente hai que pechar o libro tendo lida ata a última liña.
Finalista do Premio Xerais do 2011 (moita discusión debeu existir para dilucidar a premiada: eu votaría por esta), Os fillos do mar é de Pedro Feijoo. Unha obra que nos leva de paseo pola cidade de Vigo (haberá que propor unha ruta literaria: asomémonos a unha cidade na que o arquitecto Michel Pacewicz tiña moito que dicir) e coa que cruzaremos a ría para chegar á Illa de Ons. Novela negra,  novela histórica, novela de intriga, novela de aventuras... supón unha lectura amena e agradable non exenta de calidade literaria. Estamos ante un ansiado best-seller da nosa literatura? Sen dúbida. A combinación de elementos variados é dun resultado máis que satisfactorio: o argumento consegue manter a tensión en todo momento. Ademais, o protagonista, tenro e delicioso, "un miñaxoias", conquistaravos dende o comezo. Porque é un máis, un coma nós: nada ten de heroe nin de valente; sente, padece, e ama; e será por acadar ese amor, seguramente, que se converta no cabaleiro universal que quizais -só quizais- tod@s levemos dentro (aínda que a escena final do Burato do Inferno é pouco verosímil, non creo que calquera persoa sexa quen de se meter alí por moi fondo que ame).

«Un arquitecto mediocre envolto sen querer nunha viaxe pola historia dunha familia estraña…»

Nada vou dicir sobre a trama: a pouco que miredes na Internet falaranvos dela. Prefiro tan só recomendarvos a súa lectura. É desas obras da literatura galega que fan sentirmos orgullo e paixón. Unha obra que agardo sexa traducida a outras linguas para ter a mesma ou máis sona que outras.

3 comentarios:

Carme dixo...

Que ganas de lela!. E máis sendo de Vigo.

Ronsel dixo...

Pois si, para un vigués/a, especialmente, ten que resultar un gustazo pasear a cidade.

Anónimo dixo...

Vale, lerémola logo. Sexan benvidas as lecturas reconfortantes para o noso sistema literario.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.