Este é o boísimo discurso que aplaudimos este domingo ao finalizar a manifestación que percorreu as rúas de Lalín contra a incineradora. Agradezo a Manuel Igrexas que mo conseguise, e á súa autora -Tamara García-, unha moza ben nova, que conforme futuro deste xeito.
Unha pantasma percorre o Deza e Galiza enteira, é
a pantasma da Incineradora, que se coa polas rúas, as hortas, as estradas….
Hoxe, aquí, agora, tócanos a nós combatela. Dende a lingua que nos é propia, e
erguendo a voz tanto como sexa necesario, hannos oír! Hoxe tócanos a nós estar
aquí, defendendo a nosa terra como noutro tempo a defenderon os veciños da nosa
comarca, para que hoxe nós poidamos seguir vivindo nela.
E se
hoxe podemos gozar dela temos tamén a obriga de protexela. Mais nunca contamos
cun inimigo tan forte coma nesta ocasión. Queren acabar con todo! Despois de
tantos desastres medioambientais como ten sufrido a nosa Galicia, o goberno da
Xunta quere implantar e impoñer a maior das aberracións nunca vista nas nosas
terras. E digo quere impoñer, si, porque a instalación desta incineradora con
ninguén foi consultada, perdón si, cos dirixentes de Sogama, que vaia
casualidade, son que van sacar todos os beneficios queimando o noso lixo e
destrozando por completo os nosos montes e medios de produción.
Onde
queda a defensa do medio rural que aparentemente tanto interesa á Xunta? Ou só
se adican a facer políticas de marketing? Todos os produtos da nosa actividade
agrícola e gandeira pasarán a comercializarse agora cun plus, con dioxinas! Se
chegan a comercializarse, porque realmente quen vai mercar os nosos produtos
sabendo que a escasos quilómetros hai un complexo que queima os residuos de
media Galiza? Será que o alcalde de Lalín (capital do Deza) esquece que
habitamos nunha comarca que vive fundamentalmente do agro e o gando? O libre
mercado do que “gozamos” será implacable con nós. Pero xa non poderemos dicir o
que sempre dixemos en época de crise:
“Na
aldea sempre hai que comer; porque somos quen de autoabastecernos coas nosas
hortas e animais”
Mais
agora imos ter que cambiar esa frase ancestral, unha estraña profecía pasará a
cumprirse se non actuamos axiña. Todo o vento que vemos pasar pode deterse nun
intre. Pero, como se sente un sabendo que poderiamos perdelo para sempre por
causa dunha catástrofe deste calibre sobre as nosas terras? A sensación é a de
estar inmersos nun pesadelo vertixinoso, sen saber onde imos caer.
Non
estamos a falar hoxe aquí de ningunha utopía, só da loita polo que nos pertence
e é noso. Temos absoluta lexitimidade para protestar e para manifestarnos en
contra deste tipo de decisións que se converten nunha “negra sombra” que a
todos asombra. Non queremos que por causa desta teñamos que vivir unha noite de
pedra eterna. Non queremos que o capitalismo forme parte do noso organismo e
nos converta a todos en máquinas. Non somos robots, nin imos permitir que nos
fagan vivir nunha sociedade kafquiana. Con todo o noso dereito para cuestionar
e frear ataques e decisións que nos prexudican a todos como pobo, farémolo! É
iso o que hoxe estamos demostrando aquí! Non temos porque irnos do noso país, e
ninguén ten máis dereito ca nós a gozar del. Entón, como pretende o goberno da
Xunta que apoiemos unha decisión que rematará coa nosa propia autodestrucción?
Estamos nunha
nova época, nunha sociedade onde os pobos teñen dereito a decidir, porque a nós
non nolo dan? Cal é a escusa desta vez? Non queremos volver aos tempos doutrora
e ter que dicir “Adios ríos, adiós fontes, non sei cando non veremos….” Pois
imos seguir a velos tódolos días, porque non van poder con nós, xuntos somos
invencíbeis. A terra onde me eu criei, ao igual ca vosa chámanos a todos para
que actuemos. E nós acudimos e acudiremos á chamada actuando, apoiándonos nos
feitos e nas nosas poderosas verbas xa que tamén “a lingua é o noso escudo”.
O vento
de hoxe trae aires de cambio, pero o que non queremos e que traia fume. Os nosos chourizos xa os afumamos
nós, o que non queremos e que nos afumen a nós. Estaremos culminando cada berro
coas nosas voces, non imos calar, por moito que o goberno e a propia empresa
Sogama nos siga a ocultar información. Na terra onde chove todo o ano,
estaremos agardando, escampe ou non, para seguir atacando! É xa hora de erguer
as nosas voces oprimidas e estendelas polo noso país, o xerme da revolución
está hoxe aquí. Esixindo o noso dereito a decidir, recordándolles que todas as
persoas temos dignidade, que esta non ben dada polo poder económico
capitalista, e como tales temos dereito a unha vida digna e a respirar o noso
aire, non fume de lixo queimado!
Os
rumorosos están a falar de novo e din que o pobo unido xamais será vencido!
só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Incineradora, non!
Tamara García Rodríguez, presidenta da Plataforma
Incineradora no Deza Non
Lalín, 22 de abril de 2012
Sen comentarios
Publicar un comentario