Gustoume moito (sobre todo gocei con algúns versos) este poemario de Gonzalo Hermo publicado pola editorial Barbantesa: Crac. Poesía reivindicativa que fala de violencia e dor, da óptica "dos que viron extinguir o seu fogar e humillar a súa
identidade". Poesía pensada coma un berro contra as imposicións. Berros mesturados con iconas da cultura contemporánea en poemas salferidos por diferentes tipos de violencia dende a explotación laboral máis infame ata calquera guerra transmisora de sufrimentos e odios. E de violencia á homosexualidade, ou mellor, á súa invisibilidade; porque cómpre tamén que sexa obxecto de denuncia e faltan palabras para a súa liberdade.
Agora ou nunca a escarlatina renxe para que a poidas oír.
Busca con ela o defecto da musa varón
a concubina
ríscaa.
Logo mánchalle as mans
e que outros lle corten os brazos para que aprenda a vestirse
de rameira e cerre as pernas.
O sexo
necesariamente
escríbese.
Fomos nós, cando todas as armas ficaron vencidas
amte a fame de bandeira.
A Patria
era o rostro ambiguo de Madame Lempicka.
O Desexo
un umbral.
Entón decidimos que o discurso era o único modo posíbel
de Revolución.
E vimos de repente revirarse contra nós as nosas armas.
Sen comentarios
Publicar un comentario