Lin Cráter de Olga Novo (Premio da Crítica 2011), publicado por Toxosoutos, con demora e interese, recoñezo que ás veces sen deleitación porque algúns poemas custábanme moito. En todo poemario, normalmente, hai poemas que me gustaría gardar para lelos de cando en vez e saborealos na súa xusta medida e hai outros que botaría ao lixo da memoria. Con este libro tan denso sucédeme o mesmo. É, porén, un libro que hai que ler, procuralo, volver a el. Nos poemas hai paixón, hai música, hai lava, hai soidade, hai liberdade. Resulta atractivo o variado do libro, os diferentes temas ou tratamentos dos poemas, fiados por unha deusa campesiña que marca os ritmos dos poemas e mesmo da lectura.
Atopei uns poemas moi axeitados para estes días "matemáticos" que celebramos no centro, que serán os que aquí transcriba, a pesar de que o elixido para deixarvos aquí sería "Análise de sangue".
O poema é "Concerto para cromosomas e cordas", pero como é moi longo recollo tan só algúns versos. Precioso:
Como arañas que se abrazan
as miñas pestanas encóntranse na noite
e mesmo ó pechar os ollos
vexo o teu balón de coiro
lanzado ó infinito da nosa aira de arriba
circulando entre os trevos e o arame da roupa
e os teus ollos de neno calculando a parábola exacta
descrita pola pelota entre as margaridas e o ar (...)
vexo a túa bicicleta humilde
que circulaba á velocidade dun astro
sen freos nin pneumáticos e algún radio roto
pero ti partías o espazo polo tempo
e a fórmula consentía con tenrura
levarte aló onde ti quixeras. (...)
Durmían as cifras a súa suma nos teus cadernos de contas
cansados de traballar
coas túas mans pequeniñas
as costras dos teus xeonllos mancados
brillan como a cortiza dun sol infantil
e a túa intelixencia íase facendo maior entre cereixas maduras
e pantalóns curtos
tocabas cun dediño un número que treme coma unha bolboreta
e sabías que o seu corazón podía dividirse en tres partes.
Mirabas talvez as cántaras do leite
e revelábase a eterna forma do cilindro
ninguén sabía que tres catorce dezaseis era un número pi
e ti
xogabas con el entre os grilos.
Volvías da túa mente brillante
tan humilde coma quen quedou en branco
no medio da neve
pero ti non o sabes.
Aprendín a contar con fabas que me dabas
a saber que un peón branco perdía a vida facilmente
ante unha raíña negra
que a combinatoria é unha arma sagrada
que se a dez garavanzos se lle saco tres
estou resultado e o resultado é sete. (...)
III.
Teorema:
Ti es o maior
eu a pequena.
Despexas o día cunha ecuación
saio ó sol a verte
íntegra coma a mazá que esperta segura da súa semente. (...)
IV
Cómplice amigo contemplo contigo
o arco da vella das nosas vidas
a álxebra da liberdade
as raíces profundas do polinomio do humor
o amor contido a partes idénticas no ácido nucleico(...)
E por se non che dixen que te quero
escribo este concerto para cromosomas e cordas
por se un día perdo a memoria e non recordas
que eramos un sendo dous
marabilla da matemática
enigma da metafísica
evidencia da vida.
2 comentarios:
Polo voso traballo e dedicación, recibide este premio:
http://outeirodematilda.blogspot.com.es/2012/05/premio-entre-blogs.html
Bicos
María
Moitísimas grazas! Un honor que nos teñades en conta, de verdade.
Publicar un comentario