Outro fermoso e delicado libro de Yoko Ogawa é este La niña que iba en hipopótamo a la escuela publicado por Funambulista. Unha novela un tanto afastada do estilo de contar tradicional nipón que nos sorprende agradablemente en cada páxina: o argumento susténtase nunha serie de anécdotas que a protagonista lembra dun ano da súa vida convivindo coa peculiar familia da súa nai, familia que inclúe un pequeno hipopótamo. A lectura irá desgranando os pequenos detalles, os sentimentos e emocións, así como a vida cotiá que a protagonista compartiu nese ano, salferida con acontecementos reais e importante do Japón dos anos 70. E entre todas as liñas, destacan aquelas dedicadas á importancia dos libros, da lectura, da escritura, dos relatos... porque a sensibilidade que desprende o libro vese adornado con esta reflexión que tanto nos gusta. A amizade entre dúas nenas, eixo do fío narrativo, debúxase suavemente con cores suaves que van precisando a súa importancia na vida, porque o protagonista real do libro é o cariño e o respeto que se vive nunha casa habitada por persoas que resultan fascinantes. Poesía, optimismo, amizade... de todo un pouco hai nesta novela que vos recomendo.
Unha lectura emotiva e doce que me lembra o moito que me gustara o outro libro que lin desta autora: unha autora que ben paga a pena que coñezades.
Sen comentarios
Publicar un comentario