Ben interesante resulta a lectura deste libro publicado por Barbantesa: O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido é de Elía Knörr, alter ego de Elías Portela, tradutor e poeta en galego
("Imaxes na pel", 2008 e "Cos peitos desenchufados, 2010) e en islandés.
Con este pseudónimo medieval foi escollido coma un dos poetas máis
representativos da lírica actual islandesa, na centésima edición de
Poetry Review do Reino Unido, xunto a Sjón e Kari Tulinius. O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido é
o seu primeiro libro en islandés (Sjoarinn meo morgunhestana undir
kjolnum). "A obra presenta a un poeta na busca de novas ribeiras. O
autor faise mariñeiro para ampliar o horizonte. Os poemas son capturados
nas redes igual cá pesca, ou van á deriva polo mar ata que os atopa
varados na praia (...)"

Que pasada!
Sobre a súa poesía, que vos recomendo, dicir que experimenta coas palabras. Coa imaxe. Porque os versos son un xogo retranqueiro que fai reviravoltas e mesmo pinchacarneiros sorprendentes e audaces.
Dúas amas de casa
bailan sobre a cordela
dun tendal
e fan o amor con funambulismos
Unha é bolboreta de seda
e a outra é flor de algodón
Baixo os efectos da limpeza
escriben poemas na colada
Invitei o biólogo ao meu xardín de atrás
Alí estivo admirando cada unha das miñas lámpadas
e púxose a bailar coma unha avelaíña
Estades espida
vexo como os vosos segredos alumeancoma orgasmos
dixo el
Estades peneque dixen eu
Mais non cego
dixo el
e continou investigándome
Sen comentarios
Publicar un comentario