Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/07/12

Non quero ser como Beckham


Iolanda Veloso en Tempos Dixital. (Non perderse o post de Desequilibrios: "El fútbol es el mejor antídoto contra la inteligencia": Porque no soluciona problemas; los enmascara.)

Dedicado ás xogadoras do Celta Bosco

A noite na que a Roja gañou a Eurocopa reenviei un chío de Lucía Etxebarría que enlazaba coa súa revista dixital, Allegra Mag, concretamente cun artigo titulado “El opio del pueblo” no que contaban cantos cartos públicos nos custa o fútbol entre subvencións de concellos e comunidades autónomas, pelotazos urbanísticos e débedas con facenda e seguridade social. Sumando todo, unha auténtica millonada. Pero das gordas, das que rescataba a educación ou a sanidade públicas. Recibín unha resposta polo twitter dun amigo moi enfadado dicindo en que o fútbol non é un problema, é un xogo que gusta a moita xente, e que o nivel destes chicos (coa confianza que xa todo o mundo temos cos xogadores da selección) é moi difícil de acadar. Eu só lle respondín cunha pregunta “que terá que ver unha cousa coa outra?!” e contestou alporizado que non sabía pero que lle cabreaba igual e que Lucía Etxebarría lle caía moi mal. Supoño que forma parte da maioría social á que os xogadores de fútbol lle caen moi ben a escritora lle cae mal, menos mal que creo que non aspira a gañar un concurso de popularidade. Obviamente, eu non estaba falando de fútbol, nin dun xogo, senón dun negocio no que a redistribución da riqueza vai no sentido no que vai sempre ultimamente, do público ao privado, recortamos do de todo o mundo para dárllelo a unhas poucas persoas. Facemos o que Robin Hood pero ao revés, roubámoslles aos pobres para dárllelo aos ricos. Hai quen mantén que este negocio beneficia a moitas persoas, e non digo que non, aos bares que estes días estaban cheos igual lles arranxan o mes, pero é “pataca minuta”, por utilizar a expresión dun histórico do negocio futbolístico galego, comparado cos beneficios dos auténticos xefes. Vaia, que son migallas, imos acabar como as crianzas na cabalgata de reis, pelexándonos polos caramelos que nos tiren.
Os xogadores da selección van gañar unha pasta pola vitoria na Eurocopa, a verdade é que non sei canto e non o busquei en internet porque chegou un momento en que preferín ignorar información por unha cuestión de saúde mental. Non me vai cambiar a vida saber canto van meter no peto pero seguro que aínda que sexa por un momento vai cabrearme, así que prefiro non sabelo. Porque o que si teño claro é que non o van investir en escolas, hospitais ou infraestruturas para o desenvolvemento do noso país e contribuír a saír da crise. Tampouco en manter servizos sociais, apoiar fundacións ou organizacións sen ánimo de lucro ou exercer como mecenas da cultura, da ciencia ou da tecnoloxía. Porque hai uns poucos xogadores de fútbol que acadaron ese nivel tan difícil de conseguir, como di o meu amigo, pero hai un montón de homes e mulleres, de mozos e mozas, que chegaron ao máis alto nivel na investigación e por iso tiveron que marchar a traballar fóra, mira ti, porque aquí non saían de bolseiros explotados sen cotizar, e iso con sorte.
Sei, porque cando vou á perruquería leo o Hola, que han de gastar os cartos en coches e casas de luxo, en viaxes e en roupa de marca para manter unha forma de vida fondamente materialista, consumista, individualista e clasista. Nada que ver cos valores que transmiten no campo. Nun estado no que por crear ata se crean dúas formas de entender o fútbol antagónicas, unha con base en Barcelona e outra en Madrid, a selección opta polo paradigma catalán (non deixa de ser graciosísimo, a verdade) con Del Bosque á fronte e espallando os valores do traballo en equipo como o camiño para o éxito. Paréceme xenial que se fomente a humildade, a xenerosidade, a lealdade, o compañeirismo e o esforzo como medios para alcanzar os obxectivos pero é que logo do obxectivo primeiro, gañar o partido, o obxectivo vital para estes profesionais do fútbol é forrarse de pasta, que sae dos petos de todos e de todas nós, para vivir de luxo e adornar as súas vidas con mulleres fermosas. Non, non se me vai esquecer o profundamente machista que segue sendo o fútbol. O masculino, claro, non o feminino, o desas mulleres loitadoras que non poden ser profesionais e cuxos equipos, mesmo os equipos de elite como o Celta Bosco, gañador da liga en dúas ocasións, desaparecen por falta de recursos económicos. Estes días farteime de ver reportaxes nos xornais sobre “as noivas da Eurocopa”, modelos que exercen de fermosos, sorrintes e silenciosos complementos para os homes de éxito. Salvo honrosas excepcións calquera que lea a prensa ten claro que se queres ser a parella dun futbolista de elite tes que ser modelo. Mesmo sendo xornalista deportiva. Poderíamos sacar outra conclusión se Sara Carbonero despois de que a selección, co seu mozo como capitán, gañase o Mundial tivese rematado a carreira de xornalismo pero non, o que fixo foi aumentar o peito. Así que calquera rapaza que busque o éxito, calquera desas rapazas que me cruzo todos os días e que visten como Sara Carbonero na versión asequible aos soldos do meu barrio, non vai esforzarse por estudar e sacar unha carreira senón en conseguir que alguén lles pague a operación de tetas. Tal e como están as cousas, a verdade, non as culpo. Así que non, non me alegro de nada que contribúa a reforzar estes valores inxustos e incivilizados, tampouco do triunfo do fútbol, deste fútbol, que non é un xogo, non é un deporte, é outra cousa.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.