Aínda que non vexo devecer as restras de libros que teño para ler este verán, rematei este que me deixaron para volvelo canto antes: El lenguaje de las flores é de Vanessa Diffenbaugh e está publicado por Salamandra. A novela transcorre en dous planos narrativos, presente (a loita pola supervivencia económica e como esta se resolve grazas ás flores) e anacos do seu pasado, aqueles que se intúen (unha vida marcada pola soidade e a rebeldía) e os que nos conta sobre a súa relación coa única "nai" que puido ter e que a quixo. Un conto de fadas sen fadas, unha cincenta que debe resolver a súa complexa e enmarañada relación sentimental co mundo que a rodea. E sobre todo, unha preciosa reflexión sobre o amor maternal.
Destaca o retrato da protagonista, unha muller, unha persoa tan ferida e tan doente que non é quen de crer en ninguén nin de permitir amar nin ser amada, créndose incapaz de tal sentimento e botando por terra aqueles que poidan florecer. Con ela sentiremos a anguria e a dor dunha soidade marcada dende o abandono ao nacer. E sobre isto a gran reflexión: cómpre unha nai que nos queira por riba de calquera defecto ou obstáculo. E aínda así, que difícil é aceptalo!
Como bo conto de fadas teremos un final feliz. E agradecémolo. Porque xa levamos sufrido moito!
Unha lectura refrescante como as flores que nos regala.
Sen comentarios
Publicar un comentario