Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/08/12

Libertad

Pois... non me gustou. O que segundo dicían era o gran libro do ano, o libro norteamericano por excelencia pareceume tedioso e sen interese. Falo de Libertad de Jonathan Franzen, publicado por Salamandra. Lera deste autor hai dez anos Las correcciones e gustárame máis. Non sei se estarei sendo demasiado rotunda, posto que a novela vai interesando máis a medida que se avanza na lectura, pero é que... son máis de 600 páxinas! E se o interese chega mediado o libro, pois... como que a impresión xeral non é a que se agardaba. Non é tan mala como estou dicindo, ollo, pero non é nin de lonxe a obra mestra que nos venderon.
 Sobrevoa por riba das súas páxinas a pregunta constante que nos facemos e á que nos induce o título: "somos libres de elixir?", "que podemos facer despois de tomar unha decisión errónea?".
Libertad é unha novela que xira arredor dos sentimentos. Do amor (amor en crise, amor fraternal, amor maternal, paixón... as dificultades do amor e as relacións) pero ten algo que non acaba de convencer. Non sei se é o "como" está escrita: o ton que emprega o autor, coma un deus que ten a certeza de saber dirixir cada tema, ou non sei é que hai un choque entre este ton e a incertidume xeral do argumento. Non é tanxible o meu disgusto pola lectura, supoño, só sei que é unha novela que non vos vou recomendar. E ben que o sinto, porque ma regalou unha persoa moi querida.
Como nota curiosa, esa falsa conciencia ecolóxica que non é máis que márketing do protagonista... creo que en xeral dos norteamericanos.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.