Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/08/12

O silencio

Por fin, ben tardei en chegar a este poemario de Mario Regueira chamado O silencio e publicado por Xerais. Poemario intenso e diferente cun tema inhóspito e delicado: a guerra. Calquera guerra, ou a Guerra, posto que o libro comeza cun ton épico de vencedor que pode ser calquera resistencia que constrúe futuros que precisarán novas resistencias. Porque o círculo nunha se pecha. Guerras, resistencias, silencios... e volta a comezar. Si, finalizada a guerra vén o silencio. Un silencio que pretende ocultar as consecuencias daquela, como tamén teremos que mirar para o outro lado se non queremos ver o que tamén debe ocultar a resistencia. Nada está limpo, nada nin ninguén está libre de culpa. A manipulación de todos os bandos chegará cedo.
Que implica o silencio? As causas da guerra, a necesidade de resistir, a situación do vencido, o odio que se xera... e que implicará novas guerras. Claro debe quedar que a guerra é consecuencia do imperialismo, e ante isto non debe existir o silencio. Para que todo isto non ocorra, hai unha arma intanxible e inmellorable: o amor.
Impresiona este poemario e paréceme do mellor que teño lido ultimamente.


HAI UNHA GUERRA

Hai unha guerra entre os que din
que neste libro hai unha guerra
e os que din que non a hai.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.