Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/08/12

Stitches

Este cómic, Stitches, co desconcertante  subtítulo de "Una infancia muda", é a autobiografía parcial de David Small, libro que foi finalista de National Book Award 2009 e que está publicado por Mondadori. Conta a infancia do autor e como vai medrando arredor da dor e os nervios que lle provoca a actitude dos seus pais, algo que nos irá sorprendendo a medida que avancemos na lectura. Resulta unha autobiografía tan tremenda que semella ben difícil poder sincerarse así, artellando  movementos progresivos para que o lector non saiba nada agás no momento en que o protagonista -convertido en crío- o vaia descubrindo. E comprenderemos que hai máis que cala do que fala, pero é suficiente para horrorizarnos por un sufrimento que non debería ter existido.
O incrible é que ao autor non lle perseguen as palabras, senón o silencio. E de silencios está o cómic cheo. Porque as imaxes, acosadoras, están aí, dende un tarro de formol ata un coello de Alicia que o axudará a sobrevivir entre o irremediable.
A culpa, a loucura, o rancor, o engano, a imposibilidade... unha realidade espantosa que vos recomendo.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.