Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/09/12

Castelao. Titoán

Xa falamos aquí do outro cómic de Inacio e Iván Suárez, O pobre tolo, publicado por Demo e Libraría Kómic. Arestora imos co que sería o primeiro deles, Castelao. Titoán, cómic que recibiu o Premio Castelao 2011 e que  foi escrito con anterioridade pero que veu a luz máis tarde. Teño que dicir que este encantoume. Gustoume moito a historia, e encantoume o xeito de relatala. Non sei se é que xa estaba preparada por ter lido o outro, pero recoñezo que este chegoume máis. 
Coñecemos agora un Castelao mozo (en 1918) e namorado, que quere casar e quere ser artista, posto que a profesión que o seu pai lle elixiu non lle gusta. Conta algúns dos seus recordos como universitario e sobre todo céntrase na figura dun cabezudo feito por el e que é idéntico a un veciño seu, o que lle proporcionará algún que outro malestar pero tamén lle brindará unha eterna amizade.
O orixinal da obra é que temos a Castelao como protagonista e como autor, xa que asistimos a unha viaxe que o autor realizou en tren e na que ideou un dos seus relatos, Peito de lobo, publicado en "Retrincos" en 1934, pero asinado en Praceres (Marín) en 1918. Moitas das frases que lemos foron, de feito, extraídas ou ben dos seus artigos ou ben dos seu labor como narrador e debuxante.
Non é doado achegarse á personalidade deste heroe do nacionalismo galego sen caer no maniqueísmo, e isto é o bo destes cómics. Lemos a presenza humana dun persoeiro a quen admiramos, pero tamén lemos literatura en forma de cómic, que é o que máis admiramos. Parabéns!
 



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.