Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/09/12

...Con locura, amor y malos tratos

Ofrécenos hoxe a nosa prezadísima colaboradora Carme un cómic sobre violencia contra a muller que eu non coñecía, polo que o agradecemento mensual é dobre. Non só a lectura é interesante, senón que a reflexión final envolve o malestar que nos sacode a unha parte do país coa política reaccionaria que estamos a vivir ultimamente.

A día de hoxe, e no que vai de ano, morreron máis de trinta mulleres, vítimas da violencia de xénero, e as vidas de moitas delas seguramente gardaban algún paralelismo coa protagonista desta obra de banda deseñada, publicada no 2010 por Panini Cómics. Con guión de Sylvain Ricard e debuxos de James, en ...Con locura, amor y malos tratos nárrase a historia dunha parella na que se reproducen estereotipos sexistas que desembocan en distintos tipos de agresións por parte da figura masculina.
Algunhas palabras do léxico del, todas pronunciadas antes de comezar a relación sentimental, amosan axiña connotacións pexorativas (“petardas, zorra, puta”). O primeiro golpe, tras casar, xustifícase polas dúas partes. El di: “púxose completamente histérica”. Ela afirma: “xuroume que non volvería facelo”,“o meu caso non era tan grave”. Cando as malleiras se fan habituais e ela decide contarllo á nai, personaxe que non deixa de sacudir con cada unha das súas frases, esta quita ferro ao asunto con “todos os homes son un pouco violentos. É hormonal” ou “casaches con el para o bo e para o malo”.
Como elementos formais que inciden na significación da narración, en primeiro lugar, está a ausencia de diálogo entre os dous, aínda que comparten ben viñetas; en segundo lugar, que as súas caras teñen trazos animalizantes e, por último, que non se coñece o seu nome.
Resulta terrible escoitala a ela, na conversa cunha amiga, dicir “ e prefiro cen veces a un home que me queira, que me desexe, que mo demostre a cada momento…aínda que as caricias vaian acompañadas de bofetadas”e non menos desacougante, ler que el, cando o funcionario na comisaría sostén que “unha denuncia sobre unha persoa nunca é unha parvada” , responde “ pero…non é unha persoa, é  a miña muller”.
Libros coma este terían que ser lidos e traballados nos centros de ensino de maneira obrigatoria. Por iso, cando escoito e leo os contidos retirados da materia de Educación para a Cidadanía polo poder político, argumentando que son susceptíbeis de  “adoutrinamento ideolóxico”, non podo menos que botar as mans á cabeza e lamentar o retroceso secular ao que nos están sometendo.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.