Buscando materiais para "outras historias", cheguei a este libro que repousaba nos meus andeis agardando a oportunidade de sorprenderme. Abofé que o conseguiu! Acadaouno de tal xeito que me encantou! Cun título tan ben escollido, publicado por Xerais, A caza do ghazafello, o escritor Denis M., o músico Marcos Paino e a ilustradora Sara López conseguen un libro-disco espléndido con aventuras extraordinarias e fantásticos mundos salferidos por humorísticos tintes que afastan a aqueles que puidesen pensar que estamos ante un libro máis de aventuras para xente nova.
Pero destaca sobre todo o CD que acompaña o libro, que se pode escoitar cando o narrador nolo pide, no medio da narración, ou en calquera outro momento (eu fíxeno no coche), xa que os sete temas que forman o conxunto (que mágoa que non sexan máis!) son amenos, pracenteiros e variados. Así poderemos escoitar a Ugia Pedreira, Pulpiño Viascón, García MC, Ico, Manolo
Maseda, Coraile Yap Chine, Cata Prado, Teruca e Xurxo Souto, ademais de
Antón Reixa.
Non sei se o libro pasou desapercibido como me ocorreu a min. Sempre a tempo de emendar erros, permitídeme que volo recomende. Ideal para os últimos cursos do cole e 1º da ESO, coido.
2 comentarios:
Vaia, sorpréndeme que non falaramos antes deste libro porque eu xa traballei con el o curso pasado en 1º de ESO e foi un éxito total. Como les tan rápido e estás tan ao día, supuxen que ti xa o terías máis que controlado. Pola miña experiencia, é unha recomendación óptima, mesmo houbo alumnas lectoras (en castelán) que me comentaron que non sabían que en galego houbese literatura tan moderna e divertida! E eu partinme de risa coa retranca do narrador. Alégrame saber que a través do teu comentario vai chegar a moita xente porque penso que o merece.
Si que me falaras del ao principio, pero eu funo deixando... e xa ves, ata aquí cheguei. Non son tan rápida!!!
Publicar un comentario