Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/10/12

Anton Reixa. Ghicho distinto

A nova colaboración de Carme con sopresa incluída. Graciñas!


            Hai libros que chaman por ti desde os andeis das librerías e debo confesar que este foi un deles: Antón Reixa, Ghicho distinto (2012), colección Crónica, de Xerais, asinado por Manuel Xestoso e X. Cid Cabido.
            As razóns fundamentais foron, sobre todo, dúas: primeiramente, a curiosidade que sempre despertou en min este personaxe ecléctico e logo, o feito de ter compartido diferentes espazos, en distintos tempos, da cidade olívica (o instituto Santa Irene, a librería Cervantes, Castrelos, o Camaléon, o barrio de Coia, o CUVI…).
            E a lectura non defradou, ao contrario, fíxome valorar máis un tempo, a década dos 80 e 90 no noso sistema literario e artístico, e un artista rompedor, crítico e comprometido. Trázase un percorrido vital no que Reixa, contestando as preguntas dos autores, lembra a infancia no barrio do Calvario, o maxisterio de Ferrín, a descuberta da poesía de Manuel Antonio e Alvaro Cunqueiro, o colectivo Rompente, a música dos Resentidos e o éxito inesperado de Fai un sol de carallo, o ensino, o teatro, a radio, a televisión, o cine e ducias de anécdotas e datos curiosos. Por exemplo, que un dos seus antergos foi líder na revolta de 1846, ou que o personaxe interpretado por Luís Tosar en Mareas Vivas fora deseñado inicialmente para o presentador que, co mesmo programa, máis anos leva na TVG.
            En fin, o de Ghicho distinto non podía estar mellor escollido. Sintetiza perfectamente a orixe  viguesa, así como a traxectoria persoal e profesional dun home que, nunha actuación en Nova York e co seu discurso preparadiño en inglés, conta como “na primeira fila, métense vinte rillotes de Carnota e da Costa da Morte, emigrantes galegos, con bandeiras de Galicia e berrando: Fala ghallegho, fala ghallegho!!, co cal logran que non consiga dicir nada do que tiña pensado. Aquela foi unha noite que me marcou para o resto da vida” porque despois do concerto as sorpresas non acabaran.
            Moi recomendable.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Carme, Carme... así sen apelidos.. non sei pero sóname.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.