Puntual coma sempre, a nosa colaboradora habitual e insustituíble, ofrécenos hoxe outra lectura. Graciña, Carme.
As humanas proporcións, escrita por Xesús
Constela Doce, é unha obra editada por Galaxia, que gañou o Premio Torrente
Ballester no 2003. Conforman un conxunto de
relatos protagonizados por variados personaxes cotiás, case todos eles cun
fío de unión a algún mundo fantástico e, nalgún caso, pretérito.
Observáse o fastío dunha ama de casa e a súa
particular caixa das lembranzas en As
lembranzas todas. O diálogo, a través das novas tecnoloxías, co cadro que
ilustra a portada da obra en Non escoites
a Giovanna (conto cun final que lembra ao ferriniano Un chinche durme no teito). O empregado do banco que, sen querer,
chega a ser o home xeografía en Geographos.
Noutros contos atópanse temas como a inmigración, as mafias e a nostalxia,
nas duras horas da travesía, do amor deixado atrás. As matemáticas, que en todo
están e elas son todo. A ilusión, cuase infantil, que se pode ter na vellice. O
tesouro que supón ter avós e poder gozar deles. Ou o luxo máis exquisito
mesturado co macabro máis horripilante no conto de Lily, que con ironía e sarcasmo reflicte o absurdo e superficial
dalgunhas xentes e os ambientes polos que discorren as súas vidas.
Cun estilo áxil que se
agradece, ofrécese como unha lectura amena que non deixa de invitar á reflexión.
Pasado un pouco tempo xa están os 2 na cama acuruxados. Trazan
paralelas, bisectrices, mediatrices e perpendiculares. Elévanse á máxima
potencia. ¿Que máis lles dá a regra de 3 se se aman a compás de 3 por 4? ¿Que
importa que haxa que traballar mañá, se o seu universo é finito e remata nos
vértices deste polígono regular onde se apertan os dous deitados? (do conto
Algarismos. Divertimento alfanumérico.)
Sen comentarios
Publicar un comentario