Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/11/12

Bandada


O álbum ilustrado Bandada, de David Daniel Álvarez Hernández e María Julia Díaz Garrido, foi a obra merecente de gañar no V Premio Internacional Compostela de Álbum ilustrado que vén de publicar Kalandraka. Un álbum que se converte en imprescindible nos andeis das nosas bibliotecas, unha alegoría sobre a historia da humanidade, a que non ten máis fin ca a dominación e a violencia pola deturpación do seu propio destino e a dexeneración da sociedade. E aínda que pasado, presente e futuro se conxuguen nun xogo carente de poesía e cheo de ambición desmedida, resta e permanece un punto de esperanza, porque a contradición tamén é esencial no noso ser. E todo isto, baixo unhas ilustracións absolutamente simbólicas en branco e negro que reproducen paxaros humanizados con todo detalle e que non cansamos de mirar.
Pura poesía transformada nun álbum ao que lle imos tirar moito proveito nas aulas.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.