Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/11/12

Paxaro de mar e vento

Quen se pode resistir ante a beleza? Paxaro de mar e vento de Tucho Calvo con ilustracións de Xosé Cobas, publicado por Biblos, é un fermoso álbum que respira delicadeza por si só, porque iso é o que pretende, que sexamos quen de respirar ar puro canda el. Cobas presenta un tesouro de papel para dar paso ao maxín do autor que será capaz de facer nacer unha ave única nunca vista que nace do poder da aventura marabillosa de crear e soñar. Sensibilidade exquisita destilada en cada páxina, estímulo lector, universo fantástico, historia cómplice, nobelo de palabras que escorregan entre os dedos para quedar impresas na tinta esvaída do lector: as cousas só existen cando se nomean. Nomeemos a liberdade, a civilización, a educación, a cultura. Non permitamos que mornezan no escuro e atrasado recanto dun soño inmaterial. Permitamos que o astriófolo voe, mentres que o gastriedo observa o seu debullar no ceo pintado por Cobas. Onda exista o ceo de Cobas, existe o futuro. E permanece a esperanza.

2 comentarios:

Antonio Martínez dixo...

É que o Cobas é moito... Bicos

Ronsel dixo...

Siiiiiiiiiiiii! Un bicazo, Antonio!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.