Análise de ProLingua sobre os efectos que terán os apartados da LOMCE dedicados ao papel das linguas no sistema educativo
Parafraseando o inicio d'O Manifesto Comunista, podemos dicir
que un zombi percorre o sistema educativo español: o zombi do
franquismo. A última, e brutal, manifestación desta realidade témola no
anteproxecto da chamada, nun cínico eufemismo, Lei Orgánica de Mellora
da Calidade Educativa (LOMCE) que o ministro José Ignacio Wert vén de
presentar.
Como ProLingua, non nos corresponde a nós analizar as liñas
pedagóxicas, organizativas e ideolóxicas que propón, cun evidente tufo a
rancio, nun desatinado intento de volver aos valores de «la escuela de
siempre», que en España se identifica inequivocamente coa marcada polo
nacional-catolicismo da ditadura.
Desde ProLingua, vemos necesario analizar e explicar os efectos que
terán os apartados da LOMCE dedicados ao papel das linguas no sistema
educativo. Que o castelán e a primeira lingua estranxeira pasen a ser
materias troncais e as outras linguas do Estado, coma o galego, pasen a
ser consideradas materias de especialidade, é algo moi grave e de
especial transcendencia. Mal que lles pese, o Estatuto de Autonomía que
aínda está vixente (e que din respectar) sinala que o galego é a lingua
propia de Galicia e o castelán a oficial do Estado, e que as dúas serán
cooficiais.
Aínda que na prensa destes días as noticias se centran no conflito que
se producirá en Cataluña de saír adiante a lei, a nós preocúpannos
especialmente os efectos que se poden producir en Galicia. Como é obvio,
rexeitamos a agresión a un sistema educativo coma o catalán, que ten
ben demostrada a súa eficacia —entre outras cousas, ao garantirlle ao
alumnado competencia nas dúas linguas oficiais; mais temos a seguridade
de que a sociedade de Cataluña saberá defender con afouteza un valor
esencial como é a lingua.
En Galicia, ben ao noso pesar, temos un goberno que non só declara un
acordo pleno cos contidos presentes na LOMCE; por riba, o presidente
Feijoo atrévese a manifestar o orgullo de que o sistema implantado en
Galicia sirva de guía para os plans do ministro Wert. Palabras que non
esqueceremos, pois o presidente ten que saber dos estragos que o seu,
tamén cinicamente chamado, Decreto de Plurilingüismo lle está a causar á
lingua galega no ámbito do ensino.
Non nos collen por sorpresa estas declaracións. Desde a súa chegada ao
poder, hai catro anos, o goberno do PP caracterizouse pola demolición
sistemática dos avances traballosamente acadados ao longo dos anos.
Enviáronse ao lixo as liñas marcadas no Plan Xeral de Normalización, que
impulsara o último goberno de Fraga Iribarne, con Núñez Feijoo como
vicepresidente, e procedeuse a restarlle presenza social e legal á
lingua galega, amparándose sempre en vergoñentas apelacións á
«liberdade», unha liberdade de pacotilla que só beneficia aos que
mandan. Que lonxe queda da auténtica liberdade, que vai sempre unida á
xustiza e beneficia a toda a cidadanía!
Malia non termos datos fiables, datos que tampouco a Xunta quere
facilitar, sabemos do dano que o Decreto de Plurilingüismo está a
producir. Son ben coñecidos: desde a prohibición de usar o galego nas
materias científicas ata o varrido da lingua na educación infantil,
sobre todo nas cidades, pasando pola intensa semente de prexuízos contra
o galego e pola promoción desa «liberdade» de pais e alumnos que o
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia botou abaixo hai poucos días.
Con todo, hai un dano que non está na letra do Decreto de
Plurilingüismo e que cómpre sinalar. Era, posiblemente, un dos
obxectivos ocultos dese decreto: nun número significativo de centros,
moitos deles no sector dos concertados, a presenza do galego é case
residual. Ignórase así o obxectivo esencial da lexislación lingüística,
«garantir que o alumnado acade unha competencia semellante nas dúas
linguas oficiais», co silencio cómplice da Inspección e da Consellería.
Para iso vale a súa «liberdade»!
Unha vez máis, sinalamos o evidente: para que non haxa cidadáns de
primeira e de segunda, deben crearse as condicións que permitan vivir en
galego coa mesma normalidade que o fai unha persoa castelanfalante.
Para iso é imprescindible que a cidadanía sexa competente nas dúas
lingua oficiais, así poderá decidir libremente se usa unha ou outra nos
diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é
imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre
competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de
instalación o galego. Vai ter esa dobre competencia o alumnado que non
ten contacto co galego no ámbito educativo?
Co borrador da LOMCE presentado polo ministro Wert, as agresións do
Decreto de Plurilingüismo, as oficiais e as ocultas, veranse legalizadas
e bendicidas. De saír adiante, mesmo a Lei de Normalización Lingüística
pode ficar en papel mollado, co aplauso fervoroso dos redutos
negacionistas. Por iso é necesario que non só no ámbito educativo, senón
no conxunto da sociedade galega, se faga pública a oposición a unha lei
que nos devolve á década dos setenta, que ameaza a liberdade
lingüística dun amplo sector da cidadanía, que condena a lingua galega a
usos residuais e folclóricos e que, esencialmente, busca arrasar coa
vitalidade que a cultura galega no seu conxunto ten, malia todos os
atrancos, como se fixo patente nas xornadas do pasado Culturgal.
Sen comentarios
Publicar un comentario