Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/12/12

El insólito peregrinaje de Harold Fry

A verdade é que teño uns sentimentos "encontrados" respecto a este libro á hora de achegárvolo. Por unha parte, foi un libro que me recomendaron diferentes persoas, polo que o collín con moitas ganas, por outra, o principio do libro fíxoseme algo abrumador e custoume mesmo seguilo; logo houbo unha pequena parte do libro que me recordaba demasiado o filme "Forrest Gump". Logo gustoume moito máis, é dicir, quizais o último terzo; tanto que quero recomendárvolo. Estou a falar de El insólito peregrinaje de Harold Fry de Rachel Joyce publicado por Salamandra.
A escusa da lectura é unha viaxe que o protagonista comeza por ver de salvar unha amiga dunha morte segura polo cancro. O que o rodea son as emocións, a melancolía profunda que domina toda a lectura, as relacións que establecemos as persoas que nos queremos e que nos sabemos dicilo. O matrimonio. A amizade. A paternidade.
Mentres Harold anda, nós andamos con el. E imos comprendendo a soidade, o trauma, a viaxe interior tan necesaria. Non só a del, senón tamén dos que quedan atrás, mentres pasado e presente se mesturan para xogar cos nosos sentimentos. E nesta maraña de sentimentos, os personaxes, e nós con eles, abrímonos camiño, seguimos adiante, porque é a única solución.
Creo que ao final o libro constrúe unha fermosa metáfora sobre a destrución e a redención que paga a pena. Por iso, e a pesar de canto vos dixen, gustaríame que o lésedes e me deades a vosa opinión.

La gente salía a comprar leche o a llenar el depósito de gasolina, incluso a echar cartas al buzón, y lo que nadie más sabía era el terrible peso que cargaba dentro de sí, el esfuerzo sobrehumano que suponía a veces aparentar que se era normal y se formaba parte de cosas que parecían fáciles y cotidianas, la soledad que implicaba todo ello.
 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.