Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/12/12

Ensueños

A colaboración de Carme vén envolta desta volta de soños que se xuntan en ensoños para falar dun libro que non teño pero que, queda claro, hai que ter.





                Hai quen pensa que Alicia quedou engaiolada para sempre no seu País das Marabillas, pois non, doutaranda en coleccionista de soños, acaba de gañar o premio á mellor compiladora de ilusións, outorgado na XIII Exposition Universelle de Rêves.
                Se non me credes, só debedes buscar, ler e gozar Ensueños (2012), unha obra publicada en Lumen, que leva as sinaturas de Conrad Roset e David Aceituno.
                Nela aparecen personaxes clásicos como o Principiño, Barbanegra, Carapuchiña, Brancaneves, Wendy ou a Cincenta, que, por fin, non agarda na súa casa polo príncipe azul (un: porque non existe; dous: porque ten mellores cousas que facer).
                Preséntanse, ademais, outras personalidades, que non por descoñecidas, deixan de resultar interesantes (o Atrapasoños, a Bruxa Celosa, a Geisha de Porcelana, a Princesa Minúscula, a deseñadora Lola Pizzicato…). Irresistible, o toque marabilloso da historia desta última. Polas mañás, Lola relata o que soñou á árbore máxica do Bosque dos Nenos Durmidos. Se o soño é alegre , a árbore tece prendas de verán en diferentes tons verdes e vermellos. En cambio, se o soño é triste, aparecen abrigos de tergal un tanto escuros.
                Entre todos el@s componse unha rede, a das ensoñacións, coroadas por uns debuxos marabillosos, onde o trazo  transmite sutileza e amabilidade.
                Recomendo, especialmente, os seguintes apartados:
-          Clasificacións dos soños.
-          Consellos para disfrutar a tope dos soños.
-          En que se parecen os soños ás ventás?
-          O test “Dime que soñas…e direiche quen es”.
                Por último, confesarvos algo. Ao igual que a moza máis normal do mundo, a min tamén me gustan as cancións del. Cando as escoito, o corazón latéxame con máis forza e trémenme un pouco as mans: a normalidade desaparece. Unha pista: de fondo, soa Thunder Road.


                 
Oxalá o 2013 traia consigo todos aqueles soños que, algunha vez, soñastes espert@s.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.