Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/12/12

Invierno ártico

A última novela de Arnaldur Indridason publicada, como non, por RBA na súa "Serie Negra" é Invierno ártico, un novo caso do inspector Erlendur Sveinsson que nos retrata novamente parte da sociedade islandesa, onde non faltan problemas de racismo e integración; racismo na escola, por parte do profesorado ou por parte do alumnado, racismo de islandeses cara aos asiáticos pobres. Unha vez máis desmontamos a nosa idílica e pouco obxectiva visión dos países nórdicos como a suma da perfección para coñecermos unha realidade bastante máis cruel e real. Un retrato onde non falta a pederastia.
O protagonista segue a ser un home atormentado polo seu pasado e doído pola súa mala relación cos seus fillos. E tamén imos coñecendo máis da vida persoal dos seus axudantes. 
E todo isto, a ritmo lento, un ritmo que se apresura cara ao final para dar coa solución do caso. Unha técnica propia deste autor que utiliza frases curtas e cambios de escenarios para axilizar a narración. O final é, desde logo, un bo motivo para reflexionar sobre a sociedade na que vivimos e que nós axudamos a construír. Igual que ocorreu en A cea de Koch, dá moito que cavilar.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.