Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/12/12

Mr. Gwyn

Que grande ledicia sente un galego cando ve publicado un libro na nosa lingua ao mesmo tempo que en castelán! E se se trata de Alessandro Baricco, xa me contaredes! Publica Galaxia Mr. Gwyn, fermosa novela que devorei unha tarde. Este home sabe escribir dun xeito fermoso, rozando a perfección. Sabendo que o lector será quen de devoralo con suavidade pero con firmeza, degustando cada unha das súas palabras, dos seus parágrafos, das súas páxinas, dos seus capítulos. Facendo de cada acto de lectura un acto de amor á literatura. Un escritor que decide deixar de escribir pero... conseguirao? O que fará o personaxe principal desta novela será inventarse un traballo a medida e a gusto: escribir retratos. E este proceso ocuparanos todo o tempo, maxinando mentres lemos como será este oficio e como o escritor non será quen de deixar de escribir, igual que un lector -eu- non será xamais capaz de deixar de ler. Que sería a vida sen estes momentos de felicidade? Porque o que nos ofrece Baricco é maxia, maxia de creatividade e fermosura, maxia da literatura. A novela convértese nunha homenaxe á artesanía da palabra e do respecto, á sensibilidade, á fermosura, a nós mesmos.


2 comentarios:

anxoboiro dixo...

Sinto ledicia ao publicarse un libro en galego ao mesmo tempo que en castelán, pero algunha vez sentín unha ledicia maior ao publicarse antes en galego que en castelán algunha traducción, entendo que foi facer unha discriminación positiva.
Grazas pola noticia, é un libro que teño ganas de ler, lera algún comentario con moi boa pinta do libro, pero que non sabía que se publicara en galego.
Feliz ano para Trafegando ronseis !!!!

Ronsel dixo...

Prezado Anxo, que ledicia que volvas por aquí! Boteite moito de menos. Unha aperta grande e feliz ano

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.