Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/12/12

Una relación perfecta

Máis puntual ca un reloxo suízo, aquí esta a nosa colaboradora Carme para comezar o mes con bo pé. Graciñas, Carme.

Un día calquera deste verán pasado, indo para a praia, no dial radiofónico escoitei unha proposta que se nos facía aos ouvintes. Era a seguinte: “ En que conto lido che gustaría vivir ou pasar un tempo? As chamadas, correos, twiters e demais empezaron a sucederse con respostas do máis variadas. No traxecto que quedaba, quedei cavilando cal sería o escollido por min dentro da nosa literatura, e a verdade non podería dicir que fose unha tarefa fácil. Víñanme moitos á cabeza: A rapaza do circo de Carlos Casares, A casa azul de Ferrín, O estreno de Blanco Amor, A leiteira de Vermeer de Rivas… Recoñezo que me custaría decidirme por un.
E a que vén todo o palique anterior?  Tras ler Una relación perfecta, de William Trevor, publicada en Salamandra (2012), aledaríame coarme nalgunhas das súas páxinas, como unha testemuña silenciosa, e percorrer os camiños dos e das protagonistas, vivindo un chisco ao seu carón. Por exemplo, ¿por que non estar coa nena Connie mentres le no oco do tellado, chamando así a atención do pai?
Autor fascinante, é este un libro que esixe unha lectura demorada, remoendo no que o narrador di, pero tamén oculta, duns personaxes da Irlanda actual, con vidas que ocasionalmente os levan fóra desas fronteiras, como a París ou a Venecia. Preséntanse situacións moi diversas que levan a condutas onde se entende o complexo do ser e sentir humano, e como isto compón o destino dos protagonistas e dos que os rodean.
Relatos in media res que obrigan a ir recompoñendo o lido e situándose no escenario preciso de cada conto, onde se atopan o medo á verdade, o egoísmo, a fortaleza da fe, o amor nas súas múltiples variantes, a soidade, a chantaxe, o orgullo, oportunidades que se albiscan, pero logo escapan…
Son historias todas elas cun pouso de melancolía e tristura, pero como dixo un crítico literario, fan felices á hora de lelas. E con iso abonda.

Esa tarde no debería haberle contado tantas cosas a aquel hombre, se dijo, sentada en el mismo sitio de la otra vez. Nunca le había contado nada en absoluto a nadie, ni hablado de lo ocurrido con quienes lo sabían. “ Estoy alterada”, pensó; y de pronto fuera rompió a llover, a lo lejos retumbó un trueno, y el calor, que era ya excesivo, llegó a su fin.”(extracto de La habitación).

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.