Tráenos Kalandraka este libro de contos (xa un clásico, pois é de 1977) de Miquel Obiols con ilustracións de Miguel Calatayud: Ai, Filomena, Filomena!, un conxunto de historias humorísticas cheas de fantasía que tratan ademais conflitos reais sen o paternalismo típico deste tipo de libros. Relatos que xogan coas palabras, que busca cómplices lectores, que recolle retazos surrealistas e que sempre sorprenden. Quizais se o lemos os adultos exclamemos ¡que utópicos!, ¡que inxenuos!, porque ese mundo mellor que nunca alcanzaremos é o trasfondo destas historias. En todo caso, o primeiro relato, que lle dá título ao volume, é de lectura "obrigatoria".
Se coñecedes ademais o traballo do ilustrador, que se pode engadir? É deses ilustradores tan característicos que ou ben adoras ou ben detestas, non caben medias tintas con el. A min, particularmente, encántame polo afastado que se sitúa dos demais. Son ilustracións que semellan inspirarse no cubismo e nas máis pura vangardas, un xogo de dimensións e cores que acaen de marabilla ao mundo do creador Obiols.
Sen comentarios
Publicar un comentario