Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/01/13

Nocturno

Eu creo que isto évos coma unha drogha: o vicio vai a máis e vou ter que ira un especialista para "desengancharme". Falo de ghastar a esgalla en libros coma este. Porque este é un deses álbums que te namoran tan pronto o ves na libraría. Follealo un pouco significa buscar os cartos na carteira para levalo inmediatamente. Non o podes evitar. Refírome se tes "o vicio" no corpo, claro. Nos demais casos non sei o que ocorre.
Barbara Fiore publica este Nocturno de Pascal Blanchet, tres historias de soidades con ilustracións que semellan unha serie de portadas retro de "The New Yorker". O autor pon imaxes ao son. Ou a ausencia de sons, non sei. O que si sei é que paga a pena que vaiades ver esta obra de arte, editada coidadosamente. Ademais, contén unha guía discográfica cos sons que contén o libro, para contemplar cada unha das súas páxinas mentres escoitamos as melodías suxeridas. Toda unha experiencia.
 Quere ser o libro un relato audiovisual? Só as ilustracións compoñen un relato: as páxinas conteñen o momento, o ambiente, a emoción. E de fondo, Hooper.





1 comentario:

Anónimo dixo...

Si que é unha pasada, si

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.