Estupenda adaptación ao cómic de Antonio Seijas sobre a novela de Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno, publicado asemade por Xerais. Xa sabedes que eu devezo por este xénero, así que celebro esta publicación, unha mostra extraordinaria de que ambos xéneros non son incompatibles: texto e debuxo interaccionan perfectamente. Escolle o debuxante tons escuros e faces case indefinidas para o ambiente de misterio que lle cumpría ao texto, un texto ben curto e acaído para a banda deseñada. O elemento misterioso, fundamental na novela, está desenvolto perfectamente, incluído o final aberto suxerido polas tres páxinas en negro que pechan o libro. Non é frecuente topar este tipo de libros na nosa literatura, co cal a celebración é dobre: un clásico de Agustín en cómic e ademais un cómic de misterio e terror. Todo isto, nun só libro, nunha soa lingua. Que máis se pode pedir?
Di Agustín Fernández Paz: “Este Cartas de inverno de Antonio Seijas
recolle a historia, os personaxes e os ambientes que creei no seu día,
comezando pola omnipresente mansión onde todo sucede. Trátase da mesma
historia, narrada a través da linguaxe do cómic e a través doutra
mirada. A capacidade de suxerir que teñen as palabras trasládase aquí ás
elipses narrativas. A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes
e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa
correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor. Todas as pezas
encaixan para conformaren unha obra con valor de seu. De aí que declare a
miña alegría ante a publicación destas novas Cartas de inverno”.
Sen comentarios
Publicar un comentario