Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/02/13

En vías de extinción

Cumprindo pactos, Carme non se esquece. Desta volta, con En vías de extinción de María Reimóndez, publicado pola editorial Xerais.



Cando se le unha novela de María Reimóndez sábese de seguro que nos vai ter no sofá ata case rematala  e isto foi o que aconteceu con En vías de extinción (2012), publicada por Xerais.
            Un dos grandes acertos da obra é a súa estrutura. As distintas partes, metaforizadas con nomes que van desde o toxo ao castiñeiro, conseguen nunha perfecta ensamblaxe, representar cada unha delas os momentos vitais de Gaia. Unha muller singular, incorfomista, rebelde, irónica,  coas raíces ben plantadas na terra e que loita porque as orixes non esvaezan, sendo fiel en todo momento ás mesmas. Contínua aprendiz da vida, amosa unha forza que envolve ao lector/a na súa rabia ante o absurdo do mundo, e sempre coa mai como  referente e a natureza como eixe.
            Así como contén diálogos brillantes (véxase a parte na que a protagonista é entrevistada nun programa televisivo de máxima audiencia), tamén notamos certa falta de verosimilitude nalgunha  escena propia dunha película de aventuras (véxase a voadura de Toralla, en Vigo). E en ocasións, a tese da novela evidénciase demasiado, e todos os valores que se desprenden, cansarían menos sendo máis sutís e transmitíndose máis polos feitos que polas palabras.     
            Por último, agradeceríase en futuras edicións, a inclusión da tradución das citas en inglés e alemán para facilitarnos o diálogo intertextual coas mesmas.
            Súa mai sempre lle dixera que había un único método para chegar ao coñecemento: observar, escoitar ou ler, e que ningunha desas actividades podía darse mentres se falaba”.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.