Tráenos OQO un galo moi comechón que non se farta nunca, un texto de Paula Carbonell con ilustracións de Philip Giordano: Galiño pelado é unha adaptación dun conto popular valenciano que chama a atención polas súas ilustracións xa dende as guardas, con este galo comendo o sol e a lúa.
Un conto ben simpático para a xente miúda, que verá como este galo todo o devora, unha cabana (cun leñador dentro), un formigueiro e mesmo un raposo! Claro que esta metáfora do animaliño que todo o engule é unha boa metáfora de que a vida vainos ensinando leccións que imos aprendendo, ás veces porque non queda máis remedio e outras porque son vivencias estupendas, pero de todo iso imos tirar partido, porque a experiencia da vida é unha ferramenta que deberemos utilizar chegado o momento. E, ante todo, lembrar que a amizade é sagrada e as persoas que coidamos e queremos sempre estarán aí para nos botar un man no momento preciso.
Sen comentarios
Publicar un comentario