Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/02/13

Monstruo de ojos verdes

A verdade, fiquei pampa. Literatura xuvenil? Si. Pero que nivelón! Sabía que a autora, Joyce Carol Oates non me ía defraudar, pero non albiscaba até que punto me ía encantar este Monstruo de ojos verdes publicado por SM. Que boa elección para o club de lectura! Unha historia agresiva, coma o pai, cunha nai que non sente forzas para loitar... e un monstro de ollos verdes que nun principio nos desconcerta posto que para nada é quen esperabamos. Pero este será determinante para saír dunha angustiosa situación e buscar outros camiños que seguir.
O xeito de ofrecernos o relato é fantástico: os lectores imos intuíndo a triste realidade, pero esta non se nos amosa ata o final, posto que temos tan só a perspectiva da protagonista, unha moza de 14 anos que en todo quere compracer ao seu pai e moitas veces non se atreve nin sequera a cuestionar o seu carácter. Pero dános, iso si, suficientes indicios para saber que é o que realmente ocorre. E iso é o bo deste libro: que non presupón que ao lector/a haxa que lle explicar nada, debe percatarse por si mesmo de que é o que acontece (e nisto afástase do didactismo exasperante e tan presente noutras oubras de literatura xuvenil) aínda ocultando datos ou distorsionando algunhas realidades.
Realmente boísima.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.