Volve Diego Ameixeiras con Xerais a profundar na novela negra ou policial ou unha mestura entrambas posto que Todo OK non é a típica novela negra na que entendemos como tal a procura dunha solución a un crime ou misterio. Ofrece o autor neste libro un retrato de varias persoas que se mergullan no máis fondo da nosa propia condición humana, sen piedade nin concesións: nin un só personaxe merece a nosa solidariedade, nin sequera a propia protagonista, que loita por saír dese mundo de mentiras e traizóns con máis traizóns e derrotas; un mundo que nos resulta desesperanzador e mísero, dende a falta de moral dos gardas ata a daquel que comercia con mulleres sen ningún tipo de conmiseración. A obra resulta dura e non procura a nosa compracencia, máis ben fotografa a ruindade do ser humano sen cortapisas. E, coidado, esta dureza coral de todos e cada un dos personaxes vén envolta en pano pequeno, pois estamos ante unha novela breve que leremos nun salaio, posto que a súa construción así como a dos personaxes é intesa e dramática: caemos a un pozo sen fondo ata a tráxica escena final nun descenso de vertixe onde non existe tempo nin espazo, tan só unha lixeira e infranqueable sucesión de consecuencias.
Iso si. Miremos máis alá: este é o sistema xurídico que temos? E sabendo que a triste resposta é un SI categórico, vexamos de vez os erros para tentar entre todos corrixilos. Porque ben pagaría a pena destruír fendas ilícitas e vergoñentas que vemos cada día na nosa sociedade.
Sen comentarios
Publicar un comentario