Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/02/13

Una forma de vida

Sorprendente a lectura que nos propón Amélie Nothomb publicada por Anagrama: Una forma de vida ten un dobre mérito: o de paladear o pracer dunha boa lectura e o de deixarnos sumidos nunha dúbida constante: é certo o que nos conta? Certo é que a novela é tan breve que a autora pasa de crequenas sobre moitos temas sobre os que semella que non quere profundar, como é o caso o do oficio de escritor? Está novelando a súa propia figura? Convértese ela mesma no personaxe principal da novela? Así que remato a lectura da novela e permanezo confusa, porque nada do que veño de ler non sei se é real ou non. Supoño que nin os personaxes nin as cartas son reais, aínda que si é certo que ela é unha escritora que responde ás cartas que recibe. Pero a sensación de verosimilitude é tan ampla que nos deixa, como digo, pampos. Cando imos chegando ao final (e que fácil é facelo, porque é unha lectura curta que se devora) a volta que lle dá ao personaxe principal é tan grande que a nosa indecisión tórnase abraio. O que queda é ante todo unha teoría triste e fundada do illamento a través do protagonisa, Melvin Mapple: polos horrores da guerra, para afastarse do que non se quere ver e se debe presenciar, para non mirar de fronte a ninguén... Pero este illamento sempre procurará unha comunicación, porque o ser humano necesita constantemente saír do autodesterro que un se impón ou que a sociedade sen valores nos declara sen xuízo previo.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.