Este é un deses libros que colles con xeito, para non estragalo. Porque antes de abrilo xa entendes que estás ante unha obra de arte que vén asinada por Xabier Docampo e Xosé Cobas. É dicir, a delicadeza flúe por todas as súas páxinas, revoa coma as bolboretas e permanece no ar unha vez pechado o libro. E cando o cerras, cando rematas de lelo, de contemplalo, de recrearte nel, comprendes que a dozura do momento apoderouse de ti e tentas apreixala para que non marche. Para non volver á crúa realidade. Falamos de Bolboretas, álbum publicado por Everest no ano 2004.
Se o texto é ben fermoso, un poema en si mesmo cheo de tenrura e sensualidade, as sutís ilustracións de Cobas suxírennos un silencio gorentoso de amor e natureza. O equilibrio acadado entre estes autores é tal que se revela como un irmanamento total de comprensión de texto e silencio, de palabra e imaxe. O resultado é a delicada harmonía da arte.
4 comentarios:
Si, unha marabilla de libro. A forma máis fermosa de describir o amor, os sentimentos e sensacións que produce, desde a inxenuidade da infancia, cando aínda faltan palabras para expresar o que se sente.
Grazas, Mª Jesús.
Linllo á rapazada por San Valentín e quedaron abraiad@s!
Tes razón, Paz, é precioso
Publicar un comentario