Encantoume! Xa me gustara La historia del amor de Nicole Krauss, pero La gran casa creo que a supera. Editada por Salamandra (esta editorial sempre acerta?), esta obra volve a falar do amor, a memoria e a perda nunha viaxe melancólica e apaixoada que nos leva dende EEUU até Israel, de Londres a Budapest e dende os anos corenta até os nosos días. Non deixa un minuto de descanso, sempre en continuo movemento preguntándonos onde estará a conexión entre estes personaxes e escenarios que terán en común un escritorio -que se cuestiona se pertenceu a Lorca!- como metáfora e símbolo da perda persoal, ben do amor, ben da autoestima, ben do poder da vida. Catro experiencias diferentes que conforman un conxunto absolutamente conmovedor: personaxes que deben enfrontarse a si mesmos e aos seus propios actos baixo a frustración dunha vida que vén determinada por unha especie de destino contra o que non podemos conxurar. E o xudaísmo de fondo, para dar nome ata ao título.
Resulta moi interesante o xeito de desenvolver a trama: cada capítulo supón abrir un novo caixón do escritorio que unifica a acción, mesmo ao final ese caixón que permaneceu pechado con chave será aberto nas últimas liñas, abraiándonos coa conexión última, e cerrando o libro cun deleite total pola boa literatura. Frases que deixan pegada, imaxes que nos abafan, páxinas que nos atrapan. Isto e moito máis ofrece Nicole Krauss con minuciosidade e bo facer, absorbéndonos nese mundo interior ricaz e en constante conflito.
Buscádelle tempo!




Sen comentarios
Publicar un comentario