Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/03/13

Mi padre es mujer de la limpieza

Interesante libro publicado por Demipage: Mi padre es mujer de la limpieza de Saphia Azzeddine chama a atención xa dende o propio título. Recoñezo que cando o estaba a ler pensaba todo o tempo no alumnado, na lectura que eles tirarían do libro. Un libro que fala da dificultade de integración da inmigración, das diferenzas relixiosas, dos problemas económico, da iniciación ao sexo... sempre con moito humor, que é unha das virtudes que a autora amosa. E que dicir do final: pinchacarneiro cruel?
 Porque hai humor acedo, soez, violento, agre,  e todo el cheo de tenrura. Porque ao final, a sociedade é a que é e non podemos soñar con grandes cambios. Porque as ás que nos ofrecen ao nacer son extremadamente curtas e non dan para voar. Quizais haxa algún privilexiado a quen lle medren o suficiente, pero non é esa a cara crúa e real que nos ofrece a autora: vivimos onde vivimos e adaptámonos o que é incuestionable.
Fermosísima a relación  paternofilial que lemos. 
Apaixoante o esforzo do protagonista por devorar libros e dicionarios para alcanzar un nivel cultural que lle permita saír adiante e ter outras perspectivas. Un decorado ben negro onde só aducación é quen de constituírse en salvador.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.