Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/03/13

Vento galerno

Novela xuvenil de aventuras mariñas nunha illa que resulta non estar deserta pero que acolle unha comunidade ben curiosa é a proposta que nos fai Antonio Yáñez Casal en Vento galerno publicado por Xerais. Propón o autor a convivencia máis lóxica e democrática dunha comunidade que nun principio parece vivir lonxe da cordura pero que nos fai dubidar sobre a nosa sociedade e os seus principios. U-la lóxica? U-lo respecto? Nesta illa todo é como debe ser aínda que o protagonista sinta as vivencias como unha auténtica chifradura que ás veces ten máis razón que os coñecementos previos adquiridos na sociedade da que vén, a nosa. Unha filosofía de vida ben diferente que é unha alegoría da lóxica social, unha visión surrealista que fai fincapé na necesidade de nos cuestionar o noso mundo ríxido e antisolidario, infeliz, que vimos de crear e que semella incuestionable. Será este vento galerno, estas mareas de ida e volta, quen dea a posibilidade de mudar o pensamento. E este mundo será ademais un xeito de entreter ao lector, de arrincarlle máis dun sorriso, mentre un "sandador" pode diagnosticar que "ter o corpo acelerado" é un problema de estrés que non nos atrevemos a nomear.

2 comentarios:

Susana Vila dixo...

Noraboa polo voso quefacer diario, non só a nivel educativo, e de creatividade, senon tamén pola parte divulgativa do voso traballo, por ese motivo deixeivos unha sorpresa no meu blog: http://orientacioneducativaytutoria.blogspot.com.es/; espero que vos guste!!!. Unha forte aperta.

Ronsel dixo...

Caramba! Moitas, moitísimas grazas. É todo un honor que nos lembres e nos teñas en conta. Aperta

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.