A verdade é que recollo o artigo de Semos Galiza pola pura emoción de vernos alí reflectidos. Sei que é algo que non debería facer e quizais me arrepinta, pero non vou tampouco a pecar de falsa modestia: levei unha grande alegría cando vin este noso nome alí mencionado:
Desde o seu nacemento, a editorial Kalandraka revolucionou a edición
do libro infantil e xuvenil, en especial coa súa dedicación ao álbum
ilustrado do que o selo de Pontevedra se convertiu en abandeirado. Cunha
páxina web e un blogue
informativo na rede, Kalandraka anuncia neste Día Internacional do
Libro Infantil e Xuvenil no que fai quince anos da súa creación unha
nova plataforma de comercio electrónico polo que os 1300 títulos que
leva publicados se poderán adquirir en calquera parte do mundo. Canda
ela, todas as editoriais que teñen nos seus fondos e ofrecen nas súas
novidades libros de LIX teñen unha presenza activa na rede, desde Oqo Edicións á máis nova Patas de Peixe entre as especializadas, alén das xeneralistas como Xerais, Galaxia ou Bahía que contan cun amplo fondo de publicacións para a xente miúda.
A rede faise eco tamén da rica creación literaria para lectores de
menores idades e, desta maneira, os grandes nomes da LIX atoparon en
blogues e páxinas web unha nova maneira de difusión e encontro co
público lector. Con especial coidado e moita dedicación, a recente
incorporación ao espazo dixital de Agustín Fernández Paz,
un dos nomes máis sólidos da nosa historia literaria, supuxo unha nova
ventá para coñecer a un dos autores máis lidos e posibelmente o máis
traducido que verque na rede non só as súas novidades editoriais senón
tamén os seus gustos literarios e os seus pensamentos persoais.
Entrevistas, ensaios, publicacións e mesmo o seu blogue persoal
achéganos a Agustín Fernández Paz que difunde os novos materiais a
través das redes sociais. "Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que
eu coñezo é contar unha historia" reza o encabezamento do blogue de Xabier P. Docampo,
un espazo virtual no que o autor ofrece de cando en vez episodios
vitais e reflexións persoais a través da rede. Á páxina web recurriu Fina Casalderrey
na súa entrada na rede, cun espazo informativo no que a autora, ademais
de dar a coñecer a súa obra e a súa traxectoria literaria ofrece un
interesante texto autobiográfico.
O premio de Miro Villar
Con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o escritor Miro Villar botou a andar a través do seu blogue "As Crebas"
o sorteo de dous exemplares do seu libro "O Nariz de Fiz", obra que foi
galardoada co Premio Pura e Dora Vázquez. "Fiz ten un can rabelo, que
ven sendo isto?" preguntou o escritor na rede e coas respostas sorteará
os dous exemplares para conmemorar a xornada na que faría anos o
escritor Hans Christiam Andersen. Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Helena Villar ou Francisco Castro
son autores da LIX que contan tamén con espazos propios na rede. E non
só nomes persoais dan pé a páxinas e blogues, Helena Gallego Abad deulle
protagonismo ao título da súa Dragall, Triloxía do Dragón para lle outorgar protagonismo coa creación da súa páxina oficial.
Con páxina web e blogue asoma a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil
(GALIZ) que vén de publicar o catálogo trilingüe Galician Books for
Children and Young Adults 2013, coas novidades editoriais da escrita
para as idades novas. O catálogo recolle 144 títulos publicados por 40
editoras ao longo do ano 2012.
Son só algúns dos exemplos onde atopar a literatura infantil e
xuvenil na nosa lingua a través da rede que nos ofrece tamén sorpresas
como o celebrado blogue de Anxo e Gracia, Trafegando Ronseis,
que dá conta da actualidade editorial e recolle neste día o poema de
Pat Mora co que mundialmente se conmemora a xornada e que para a nosa
lingua trouxo a escritora Concha Blanco
Sen comentarios
Publicar un comentario