Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/04/13

Descubrir a arte a través do mundo

Este mes vénnos a nosa colaboradora Carme moi artística e recoméndanos este libro de Kalandraka do ano 2008. Xa nin dou as grazas, pura mala educación!


Descubrir a arte a través do mundo, de Caroline Desnoëttes e publicado por Faktoría K, é unha desas alfaias que tod@s deberiamos ter nos nosos andeis. Dezaoito obras de arte dos cinco continentes: miniaturas iranianas, rolos chineses, vasos de terracota peruanos, máscaras brasileiras, biombos coreanos… que se presentan nunha edición coidada ata o último detalle e  apta para calquera idade.

                Nas diferentes presentacións, podemos ir levantando e descubrindo lapelas, baixo as cales atoparemos información sobre o país de orixe das mostras artísticas, imaxes típicas de cada un, así como suxerencias para traballar, con distintos materiais, a partir das pezas orixinais. Ao remate, na galería, ofrécese unha breve análise das obras, xunto coa indicación do espazo onde se expoñen actualmente (Louvre, Museo Británico…)

                Unha marabilla para ollar, xogar, coñecer, crear e… moi válida para levar ás nosas aulas e ir espertando sensibilidades.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.