Nunca pensei que o Facebook ía servir para enteirarme da morte dun amigo. Pero a crúa realidade está aí, non podemos fuxir dela.
Eran algo máis das dúas da mañá. A casa estaba no típico silencio dos sábados á noite. Quedara durmida no sofá, enriba do libro. O ordenador, prendido. Antes de apagalo, abrín o Facebook. Por costume, quizais, por mirar quen andaba por alí, que sei eu! Cando lle ía dar ao botón de apagado, algo retumba na miña cabeza. Leo e releo e non dou creto. Leo a Carme Lamela quen dende Madrid di:
"Xoán Rivas, subdirector xeral da SXPL explicaba os CELGA.
Unha persoa chea de ilusión. D.E.P. Xoán"
Unha persoa chea de ilusión. D.E.P. Xoán"
Miro o vídeo. Si, alí está Rivas. Volvo ler. DEP. Comeza a angustia de non comprender nada, de non saber que pasa. No seu muro, outra vez:
"O galego está de loito coa perda de Xoán Rivas Cid"
O corazón latexa a mil por hora. O meu Rivas? Se estiven con el o luns! Busco en internet, alg, o que sexa. Accidentes, novas de Santiago. Non topo nada.
Chega o meu fillo. Abrázame. Non sei onde acudir, a quen preguntar, a quen dirixirme.
Na cama non topo acougo. Deixeille unha mensaxe a Carme, e prendo as horas no meu reloxo para que pasen axiña, para saber algo co día. Non pode ser, négome a crelo. A noite é longa, moi longa. Que negras son as noites brancas!
E mentres, regreso á orixe. Aos nosos 18 anos, cando comezabamos a estudar Filoloxía. Os recordos agólpanse.
A nosa amizade foi medrando pouco a pouco, como as árbores. Pero enraizou ben. Ningún vendaval foi quen de arrincala.
Non eramos amigos de estarmos todos os días xuntos. Non participabamos de festas familiares. Pero sempre estivemos preto. Sempre que ía velo ao seu traballo, ese sorriso, esa franca ledicia de estarmos xuntos, de tomar un café e charlar.
Cando marchou para Política Lingüística, chamoume. Quería que fose traballar con el. Todos os anos a mesma oferta. Rexeiteina unha e outra vez. Ata que neste curso afirmou: "fas falta no ensino, non veñas". E rimos. Agora pregúntome se debería ter aceptado.
Este luns, hai seis días, estiven con el. Falabamos dos fillos, do traballo... deille unha aperta. Do que máis me alegro é de terlle dito ese día; "quérote moito". Entre os seus brazos de amigo, volvemos aos 20 anos. Xuntos iamos preparar unha comida de facultade: este xuño hai 25 anos que rematamos a carreira. Foi el quen insistiu nesa posibilidade, confiando nos meus dotes organizativos.
Agora, un gran oco ocupa esa mesa.
4 comentarios:
Que se pode dicir aquí? silencio respeto e agarimos para ti.
Xoán pirian amigo das nenas,tanto as quere que chora por elas.
Sr.Antonio
En Valverde recordamos a ese niño,siempre dando vueltas en su bicicleta.
Buen viaje...
Non coñecín a Xoan, tan só un intercambio dun par de frases, pero producíume un gran pesar o seu falecemento. Tiña a misma idade ca mín, unha familia, éxito profesional e un porvir cheo, probablemente, de soños. Igual ca min...
O meu pésame máis sinceiro para a súa familia e os seus amigos e os meus desexos para que Xoan esté nun fermoso lugar onde sexa feliz.
Ho sento.
Publicar un comentario