Onte recibimos no instituto esta obra. A verdade: abrir o paquete e quedarmos pampas a miña compañeira e mais eu foi todo un. Non só pola calidade da edicións senón por un contido tan rico e completo que coidamos será unha útil ferramenta pedagóxica. Xa andamos a cavilar que actividades organizar o curso próximo a partir de tanta información! Por suposto, ela lanzouse directamente sobre as páxinas de "Brincar no mundo vexetal" e xa non houbo maneira de seguir conversando.
Estamos a falar de Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza que Antón Cortizas vén de publicar da man da editorial Xerais. Lembrade que na rede tiñamos Brinquedia e Enredamos, por suposto a Asociación Galega do xogo popular e tradicional. Agora temos un obra imprescindible de consulta na que TODO, absolutamente todo sobre xogos populares está incluído: brincar no mundo animal, no mundo vexetal, co mundo imaxinario, brinquedos de enxeño, de desprazamento, sonoros, construcións... todo isto e moito máis nunha obra de máis de 1000 páxinas que coido imprescindible en todo centro de ensino. Un anaco importante da nosa propia historia recollido en centos de fotografías e nun volume que vén sendo un recuncho lúdico ao que acudir de cando en vez para aprendermos sobre o que é de noso, tradicións case perdidas que non debemos deixar morrer.
Por certo, tastarabás é o nome dun brinquedo e instrumento musical, máis coñecido como carraca.
Sen comentarios
Publicar un comentario