Recollo de Sermos Galiza. Non teño nada máis que engadir, só o meu abraio e a miña indiganción. Isto vén sendo unha gota máis neste océano de atraso que estamos consentindo na sociedade do século XXI:
A delegada do Goberno galego en Vigo recoñeceu a empresa española Princelandia co galardón ao "concepto nacional máis novidoso". Que ten de novidoso? Sesións de maquillaxe, manicura, pedicura, perruqueiría, desfile en pasarela de moda, reposteiría e obradoiros de protocolo para nenas de entre 4 e 12 anos
Máis que un país para soñar, o da empresa Princelandia é un país
ateigado de estereotipos de xénero onde o que se fomenta é a educación
sexista a través dunha rede de spa´s repartidos por toda a xeografía do
Estado español e onde só as nenas poden entrar, baixo a promesa de as
facer princesas por un día.
Malia que as organizacións feministas botaron as mans á cabeza e
sinalárono deseguida como 'Espazo machista denunciado', a Xunta de
Galiza non tivo reparo ningún en lle outorgar un premio de
recoñecemento, ao considerar esta iniciativa "o concepto nacional máis
novidoso". Nacional español, claro, pois na Galiza non hai aínda ningún
centro. De momento.
Princelandia é unha marca rexistrada que fai parte do grupo empresarial
Diveralia Spa, con sede en Sevilla. Trátase dunha serie de franquicias
que ofertan actividades e servizos pensados para o público infantil
feminino, autodefiníndose como un espazo de "ocio e beleza" para nenas
de entre 4 e 12 anos. Maquillaxe, manicura, perruqueiría, desfile en
pasarelas de moda, masaxes, obradoiros de protocolo, baile,
repostería.... e un apartado especial para primeiras comuñóns. Toda unha
oferta sexista que pretende ser "un modelo educativo relacionado coa
saúde, o benestar e o coidado persoal tratando de que se sintan
femininas nun mundo máxico de cor rosa".
Este é a declaración de intencións da iniciativa empresarial española
que, repetimos, mereceu un premio da Xunta de Galiza a través da súa
delegada en Vigo, María José Bravo. A simpatía cara a este tipo de
iniciativas por parte do Goberno galego non é de estrañar. Ben mirado, o
que se describe en Princelandia non é senón un modelo educativo que
fomenta a segregación por sexos a unha idade temperá, o mesmo modelo que
a consellaría de Educación finanza con tres millóns de euros ao ano a
través de cinco centros de ensino privado.
Os spa que mereceron o galardón á "novidade empresarial" perpetúan a
idea das "mulleres obxecto", do amor romántico con príncipes azuis e
medias laranxas, a submisión perante un ideal de beleza e a división
sexual do traballo.
A indignación anega as redes sociais e chega aos parlamentos galego e europeo
Na Galiza, o proceder da Xunta espertou xa as voces críticas. Alén dos
colectivos feministas, que transladaron a súa indignación ás redes
sociais, no Parlamento galego o grupo de AGE pedirá explicacións ao
goberno de Núñez Feijóo.
Eva Solla, deputada da mencionada formación política, considera "un erro
lamentábel e inaceptábel" este recoñecemento a actividades "que nos
recordan as ensinanzas impulsadas pola sección feminina de Falange" nos
anos da ditadura.
Porén, as queixas chegaron tamén até o Parlamento europeo, onde Esquerda
Unida presentou unha pregunta sobre a actuación da Xunta, que
cualifican de "lamentábel", exixindo a retirada do galardón outorgado
2 comentarios:
Absolutamente penoso. Como muller e como educadora sinto una profunda frustración. ¿As nais destas nenas son as que leron no seu día "Rosa caramelo"? Esta claro que non hai ninguna batalla gañada definitivamente. O da Xunta xa non ten nome (ou si que o ten)
Unha vergonza, un regreso ao franquismo, só que con cores rosas e efectos especiais. Dá noxo que a iso lle poida conceder un premio unha institución. Non teñen límite!
Publicar un comentario