Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/05/13

A asasina

Impresionoume a lectura d ' A asasina de Alexandros Papadiamandis, publicado por Hugin e Munin. Dura polo contido e pola reflexión que propicia, durísimas condicións vitais das mulleres gregas daquela época, o que supón que o destino ou as decisións de cadaquén veñan condicionadas por estas e sexan tan drásticas co"liberdade individual" ou escolla dun tipo de decisións que semellan provir dunha loucura transitoria, senón que asemade é un libro que constitúe un relato inxente da situación misérrima da Grecia daquel momento, así como o plantexamento da moral e o tormento continuo no que vivirá a protagonista facendo fronte ás súas propias decisións. Remorsos fronte ignorancia, castigo fronte humildade.
Mentres avanzamos na lectura e nos abraia o comportamento da protagonista, seremos quen de analizarnos a nós mesmas vivindo nesa situación de extrema pobreza? O narrador non xulga, pero si é quen de utilizar para a fealdade a beleza dunha prosa que se detán en descricións de lugares fermosos e que converte o inhóspito en lugares habitables polo lector, ávido por averiguar se hai algo máis ca a eterna dualidade entre o ben e o mal: e abofé que o hai.

  "recapitulando a súa vida, vía que no fixera nada máis que servir aos demais"

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.