Como non ler a Philippe Claudel? É máis, estou disposta a organizar unha viaxe en autobús a quen se amose disposto a viaxar a Francia a coñecelo e presentarnos como o seu club de fans. É para min, sen dúbida, o escritor máis sensible da literatura actual. E iso é moito dicir, seino! Pero é que todos os seus libros despregan tal natureza que é imposible que me defraude! Así que si, tan pronto souben que tiñamos novo libro seu alá fun. Logo, é certo, a lectura non se ocupou de min, pelexando como estiven co mundo, pero aquí está, tentando precisamente reconciliarme con el.
Salamandra publica Aromas, unha sucesión de olores en textos breves: 63 relatos que cheiran a terra, a auga, a xabrón, a crema, a canela, a acacia, a sexo, a amor, a xogo. Cada pequeno texto nas súas mans consegue ser un agasallo de emoción e de sensacións. Porque algúns olores tamén son nosos, e con el os recuperaremos. Porque a súa prosa é así, emotiva. Todo o que escribe é emocionante, vibrante, sentido. Lírico e único. É quen de debuxar imaxes coas súas palabras, de transmitir os seus olores para facelos nosos, de agochar en recunchos intrincados sentimentos que criamos derrubados.
Claudel, volve pronto, por favor!




1 comentario:
Que boa pinta ten Gracia!
Publicar un comentario