Estamos a rematar o curso e con el as actividades, que nos dous últimos meses semellaron inzar de tal xeito que estamos a acumular un cansazo desmedido. Como xa fixemos noutras ocasións, desta volta démoslle nome á aula de 1º ESO - A de Fina Casalderrey, quen tamén tivo a xentileza e a xenerosidade de se achegar ao noso centro.
E como en anteriores ocasións, ofrecémoslle un agasallo: converter o libro Dúas bágoas por Máquina en álbum ilustrado. Iso si, cambiando o final, xa que os nosos artistas teñen liberdade para crear e consideraron que o final argallado pola autora non era do seu agrado. Aí queda iso!




1 comentario:
Malia os apuros dos últimos tempos, hei dicir que con profesorado entregado coma vós, é imposible non saír de aí cun excelente recordo. Tamén levo un moi bo recordo do alumnado. Grazas polo voso esforzo. Só podo animarvos a que continuedes nesa liña. Parabéns polo voso traballo.
O do final de “Dúas bágoas por máquina”, “que non lles guste”é algo que adoita acontecer a miúdo é é para min un motivo de contento!! Tentarei explicar o paradoxo: interpreto que os lectores e lectoras acaban querendo a Máquina, dándolle vida no seu maxín ao entrañable can de Xusta e desexarían que non morrese. Preferirían un final no que “todos viviran por sempre felices”, pero tamén sei que son moi intelixentes e comprenden que a vida é como unha “montaña rusa”, con momentos nos que baixas de golpe, nos que semella que te precipitas ao baleiro, e con momentos nos que sentes a agradable vertixe de que sobes ao máis alto. Logo... todo depende onde deteñás a historia.
Precisamente porque teño falado moito cos lectores e lectoras dese tema é polo que cheguei a conclusión de que o que sucede é que se senten apenados por Máquina e iso só fala da súa sensibilidade. Na literatura, coma na vida, insisto, hai momentos para rir mesmo a gargalladas, para asustarse, para sentir frío ou calor, para o medo, para escandalizarse... tamén hai momentos para a emoción e para a dor... Trátase de remexer nos adentros de cada quen coa forza das palabras.
E estou tan convencida de que, no fondo, o entenden así, que esa é a explicación que lle atopo a que siga aí despois de tantos anos, e que suceda o mesmo coa traducción noutras linguas.
En todo caso, a literatura nada sería sen ás, sen liberdade, tanto á hora de escribir coma á de ler...
Apertas para todos eses lectores, para todas esas lectoras, sempre de luxo
Fina
Publicar un comentario