Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/06/13

Flor de area

Cando vin que Xerais publicaba o libro de M. Lourenzo González Flor de area, continuación do relato iniciado en Irmán do vento, que tanto éxito acada entre o alumnado, levei unha boa alegría. Se o primeiro libro é un éxito asegurado de lectura, este non ía ser menos. Pero agora que rematei a súa lectura, teño as miñas dúbidas, aínda que tratarei de que sexa o lectorado novo quen me dea a súa opinión.
O comezo non pode ser máis esperanzador, logo dunha portada marabillosa: unha moza iraquí que nos conta dende un campo de adestramento a súa vida; unha vida onde destaca o inconformismo cunha sociedade machista que trata de manter as mulleres dobregadas baixo o xugo masculino e opresor. Así, saberemos como ela quere estudar unha carreira e o pai non a deixa porque debe casar cun home máis maior pero con fortuna. A loita polo seu amor. A loita por tentar construír un mundo mellor, máis xusto, máis igualitario...
E prosegue a narración.
Pero, non sei por que, a min rénxeme. Rénxeme esa voz narradora, que me di demasiado e non deixa voar o meu maxín. Rénxeme esa moza que se amosa tan sorprendemente valente... Non sei explicalo, pero non me convence.
De todos os xeitos, isto non ten importancia. Pode ser tan só unha apreciación miña, por iso cando estaba a ler este libro desexaba dárllelo ás miñas alumnas e aos meus alumnos. Pero cheguei ao final... Creo que nin a Walt Disney se lle ocorrería este final. Vale que ás veces queiramos ter un final feliz, pero este pasa por riba de todo o inimaxinable. Agora xa non renxe, agora flipo. Por suposto, nada vou contar del. Só que estraga, dende o meu punto de vista, toda a novela. Se tiña as miñas dúbidas, agora teño certezas. Por moita felicidade que se desexe, o verídico tamén debe contar.
Pero, por suposto, esta é só unha opinión. Non son crítica literaria, só unha lectora buscadora de historias para ofrecer ao meu alumnado. Ecomo xa teño unha alumna a lelo, xa vos contarei.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.