Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/06/13

Non á violencia contra ás mulleres (CCCXX)

 Artigo de Alba Sánchez en "Sermos Galiza":

Rachando co terrorismo machista!

 Escribir para nos desafogar, mais rebeldía e acción son as ferramentas necesarias para os tempos que estamos a vivir.
Todas percibimos o terrorismo machista, que ten o seu espello no asasinato de mulleres en mans de homes, os cales non reflicten nada máis que a súa insensibilidade ante as persoas, e desde logo, a inferioridade e a baixa autoestima consigo mesmos, pretendendo que as mulleres, que cren da súa propiedade, se sintan igual. Non hai argumentos nin razóns lóxicas para xustificar os numerosos casos que nos invaden.
Erguernos, abrir o xornal, as redes sociais e atopar día si, día tamén, novos casos de violencia machista. Dor, noxo, rabia é o que sentimos as que non entendemos nin aceptamos ver como aumentan os asasinatos e agresións ás mulleres. Dor, noxo, rabia, as que non comprendemos que os medios de comunicación controlados e manipulados polo PP, xustifiquen estas agresións declarando que as mulleres non denuncian, que son supostos casos, que morren mulleres, que son presuntos autores dos feitos... Dor, noxo, rabia, ao vermos o goberno actual da Xunta de Galiza cómplice deste terrorismo, por non poñer solución nin amparar as vítimas de violencia machista, xa que, segundo os datos, rexistráronse 5173 denuncias de mulleres por agresións, e tan só 250 delas recibiron o “salario da liberdade”.
Até cando imos seguir erguéndonos e ver novos casos? Até cando? Basta xa, no que vai de ano 27 mulleres foron asasinadas en mans das súas parellas no Estado Español.
Só a extrema dereita do PP,  que ten por bandeira o fascismo máis rancio e máis noxento, envolto nunha oscura capa ultracatólica, se atreve a xustificalo ou a non poñer en práctica medidas que acaben xa, dunha vez, co patriarcado, con estas políticas, con esta educación; apostemos por contribuír a crear unha sociedade máis xusta, onde as persoas sexan o máis importante e por implantar un modelo educativo que fomente o traballo entre persoas e que ensine a pensar, a querer e a respectar @s demais.
Tamén todas escoitamos o famoso dito “quen ben te quere, ha de te facer chorar”, unha das moitas mentiras que nos levan inculcado ás mulleres desde sempre. Fannos crer que temos que aceptar unhas normas impostas polo patriarcado e que temos que aguantar con todo.
Non nos digades paciencia; ao contrario, o que nos queda é o feminismo para sobrevivir, a conciencia e por suposto, a resposta social e a loita feminista, porque nunca puideron con nós, nin van poder, e facelo sempre con amor, con alegría e bailando, como o feminismo xa soubo facer durante moitos séculos de loita e moitas batallas conquistadas, malia que nos negasen, nos reprimisen, nos criticasen, pois como dicía a activista feminista Emma Goldman “Se non podo bailar, esta non é a miña revolución”

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.